A Xunta renovou as comisións do Consello Galego de pesca para actualizar a representación do sector

A Xunta iniciou a renovación dos órganos de traballo do Consello Galego de Pesca. O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, presidiu na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) varias xuntanzas coas asociacións do sector para proceder á designación dos novos representantes das súas comisións sectoriais.
O obxectivo é dar cumprimento á normativa que establece a renovación do mandato dos membros cada catro anos. Deste xeito, a Xunta pon en marcha as comisións de traballo cunha representatividade completamente actualizada, un paso dirixido a dinamizar e enriquecer as achegas e o labor do Consello.
O Consello Galego de Pesca é o órgano central de participación, consulta e asesoramento da Administración autonómica en todos os asuntos referidos á pesca, o marisqueo e a acuicultura. A súa función é vital para colaborar na planificación sectorial, emitir informes sobre normativas e propoñer melloras para o desenvolvemento da cadea mar-industria de Galicia.
As reunións desta mañá permitiron configurar a nova representación das súas comisións especializadas. Por unha banda, abordouse a distribución dos vogais das asociacións de armadores en áreas como a pesca de litoral (arrastre, cerco, artes fixas e menores), a actividade en augas comunitarias e internacionais, e a política social e seguridade da frota.
Por outra, convocouse aos profesionais da comercialización, primeira venda e organizacións de produtores para elixir aos membros da súa comisión específica. A reactivación destas mesas de traballo cos novos voceiros do sector será o paso previo para a constitución do novo Pleno do Consello Galego de Pesca.