A Xunta ultima a coordinación policial en Ourense para reforzar a loita contra os incendios forestais

A Comisión Provincial de Coordinación Policial reuniuse para definir as actuacións conxuntas entre as administracións durante a campaña de alto risco, que estará activa ata o 30 de setembro
coordinacion-lumes-ourense
7 Jul 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou este martes na constitución da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais para a campaña de 2026, un encontro no que se abordaron as actuacións conxuntas de prevención e loita contra os lumes forestais.

A comisión, que estará operativa durante a tempada de alto risco de incendios, establecida entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, ten como finalidade coordinar o traballo da Xunta, o Goberno central e as administracións locais para previr os incendios e combater a actividade delituosa incendiaria.

Na reunión participaron representantes da Dirección Territorial de Medio Rural, da Subdelegación do Goberno, da Policía Autonómica e Nacional e da Garda Civil. Durante o encontro presentáronse os medios dispoñibles para esta campaña e as competencias de cada organismo, ademais de avaliar os plans operativos previstos para a provincia.

Manuel Pardo destacou a importancia da coordinación entre todos os efectivos implicados e indicou que o dispositivo de loita contra os incendios en Ourense será similar ao do pasado exercicio en canto ao número de efectivos. Estará composto por brigadas autonómicas e municipais, parques de bombeiros e grupos de emerxencia supramunicipal (GES), aos que se sumarán a Unidade Militar de Emerxencias (UME), a Garda Civil do Seprona, a Policía Autonómica e Nacional e os equipos de investigación.

O delegado territorial lembrou que todos estes medios actuarán baixo o mando único da Xunta de Galicia e sinalou que a Dirección Territorial da Consellería de Medio Rural celebra comités policiais cada tres semanas para facer seguimento das accións conxuntas de prevención e loita contra os lumes.

As administracións participantes insistiron na necesidade de manter esta coordinación e apelaron á responsabilidade da cidadanía para extremar as precaucións e denunciar calquera actividade delituosa relacionada cos incendios forestais a través do teléfono gratuíto e anónimo 900 815 085.

Durante a presentación do dispositivo, Manuel Pardo puxo en valor o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2026, que conta cun investimento total de algo máis de 213 millóns de euros, incluíndo persoal e actuacións de prevención e extinción. Esta cifra supón un incremento do 18 % respecto ao ano anterior.

O documento estrutúrase en catro plans: prevención; detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; extinción; e formación.

No apartado de prevención, está previsto actuar sobre unha superficie de 33.880,41 hectáreas, con traballos en áreas cortalumes, creación de faixas auxiliares, mellora de pistas forestais e queimas prescritas. Tamén se inclúen actuacións a través das subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques polos incendios e colaboracións con entidades locais.

A maiores, a Consellería do Medio Rural conta cun convenio coa empresa pública Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, cun orzamento anual de 25 millóns de euros, o dobre que o ano pasado, co obxectivo de apoiar a concellos e particulares no cumprimento das súas obrigas.

Dentro desta liña, tamén se impulsará a estratexia de aldeas preparadas fronte ao lume, con charlas informativas nas parroquias priorizadas e nas consideradas de alta actividade incendiaria para informar sobre a xestión das faixas secundarias e ofrecer consellos de autoprotección.

O Plan de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras incorpora novas ferramentas tecnolóxicas. Entre elas destaca a aplicación móbil ALume, dispoñible para dispositivos iOS e Android, que permite á cidadanía comunicar un incendio forestal achegando a localización exacta, imaxes, gravacións de son e outras observacións. A aplicación funciona como complemento á canle habitual do 085 e busca favorecer unha detección máis temperá dos lumes.

Outra das novidades é a ampliación da rede de videovixilancia nun 30 %, ata alcanzar as 241 cámaras en 111 localizacións, así como a incorporación da intelixencia artificial ao sistema interno de xestión para detectar de maneira automática fume e posibles focos iniciais de incendio.

O plan tamén actualiza a relación de parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI). En 2026 saen da listaxe Santigoso, no concello da Mezquita, e Pardo de Limia, en Muíños, mentres que se incorporan 11 novas parroquias. Así, o número total de PAAI queda en 35, das que 24 xa figuraban na relación do ano pasado.

No relativo ao Plan de extinción, o Pladiga 2026 incorpora novos reforzos nos medios humanos e materiais. Entre eles figura o incremento da Unidade de Directores de Extinción especializada en grandes incendios forestais, que pasa de seis a quince integrantes, así como a incorporación de 42 novas brigadas de catro compoñentes cada unha para reforzar o dispositivo durante a tempada de alto risco.

En total, o dispositivo contará con máis de 7.000 persoas, sumando os profesionais da Xunta e os adscritos a outras administracións. En canto aos medios materiais, incorporaranse 16 novos bulldózers para labores preventivos e continuarán as actuacións de mellora das infraestruturas. Tamén se reforzarán os medios aéreos con dous novos avións de carga en terra, un avión de coordinación e un helicóptero pesado. A Consellería contará con 24 medios aéreos propios, aos que se sumarán os do Goberno central, e con arredor de 380 motobombas e vehículos pesados, tanto autonómicos como municipais.

Por último, o plan de formación manterá as accións destinadas a mellorar a profesionalización e a seguridade do persoal, con cursos específicos, adestramentos e iniciativas dirixidas tamén aos medios das entidades locais e á poboación. Estas actuacións contan cun orzamento próximo ao millón de euros.

0.46309804916382