A Xunta xa traballa na reparación dos danos causados polas riadas en Viana do Bolo

A Xunta de Galicia iniciou os traballos para reparar os danos provocados polas intensas choivas rexistradas nas últimas horas no pontón da estrada OU-533 ao seu paso polo concello de Viana do Bolo. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, desprazouse este xoves á zona afectada acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e pola directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, para supervisar os labores que se están a desenvolver.
Os danos localízanse no punto quilométrico 9 da vía, onde as precipitacións do mércores pola tarde provocaron o asolagamento da estrada e o arrastre de materiais cara ao pontón. Segundo explicou a conselleira, tras recibir o aviso a través do 112, mobilizouse inicialmente o retén de garda de Verín e posteriormente reforzouse a intervención co equipo da Rúa. Unha vez realizada a limpeza inicial da calzada, procedeuse á sinalización da zona para garantir a seguridade dos usuarios.
Na xornada deste xoves traballan sobre o terreo dez operarios apoiados por varios vehículos de conservación de estradas. Ademais, está previsto incorporar nas próximas horas maquinaria pesada, entre ela unha retroescavadora e unha grúa con cazo, para retirar os materiais acumulados pola forza da auga. Allegue indicou que a prioridade inmediata é asegurar a estabilidade da infraestrutura e minimizar o risco ante posibles novos episodios de choiva.
A responsable autonómica subliñou tamén que a actuación se está coordinando co Concello de Viana do Bolo co obxectivo de avaliar os danos e recuperar a normalidade no menor tempo posible.

O BNG reclama unha intervención urxente e axudas para os afectados
Antes da visita da Xunta, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse a Viana do Bolo para coñecer de primeira man os efectos das riadas e demandou unha resposta inmediata das administracións. A líder nacionalista trasladou a solidariedade da súa formación ás persoas afectadas e reclamou a mobilización de todos os recursos necesarios para retirar lama, vexetación e escombros, así como para restablecer os servizos básicos.
Pontón considerou prioritario garantir a seguridade da veciñanza e pediu unha avaliación rápida dos danos para habilitar axudas destinadas ás familias, empresas, explotacións agrarias e concellos afectados. Ademais, apuntou á necesidade de analizar as causas que puideron agravar as consecuencias das choivas, facendo referencia á situación dos montes afectados por incendios forestais.
Na mesa liña manifestouse Movemento Sumar Galicia, que reclamou actuacións urxentes xa que considera que estes episodios, "cada vez máis frecuentes como consecuencia da emerxencia climática, volven poñer de manifesto a vulnerabilidade das comarcas do interior ourensán e a insuficiencia dos medios de prevención e resposta". A organización sinala que a falta de planificación, de persoal e de investimentos en infraestruturas e protección civil deixa á cidadanía "nunha situación de desprotección fronte a fenómenos que xa non poden ser considerados excepcionais".
A Deputación mobilizou medios nas estradas provinciais
Pola súa banda, a Deputación de Ourense informou tamén da activación de medios humanos e materiais para atender as incidencias provocadas polo temporal, especialmente nos concellos de Viana do Bolo, Vilardevós e Vilamartín de Valdeorras.
No caso de Viana do Bolo, permanecen cortadas ao tráfico as estradas provinciais OU-0903 e OU-0904 en distintos treitos, onde operan brigadas de conservación con maquinaria pesada para retirar arrastres e recuperar a circulación. A institución provincial mantén ademais dispositivos activos noutras vías afectadas e anunciou a súa colaboración cos concellos para afrontar os danos ocasionados polas inundacións.
O presidente da Deputación, Luis Menor, asegurou que a prioridade é "garantir a seguridade das persoas e contribuír a recuperar a normalidade o antes posible", comprometendo a continuidade do apoio técnico e humano mentres persistan as consecuencias deste episodio meteorolóxico adverso.