A Xustiza avala ao Concello da Coruña na recuperación de máis de 8 millóns polos sobrecustos de Nostián

O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº2 declara firme a sentenza que desbota o recurso do PP e valida o acordo co que se recuperan fondos municipais
Nostián-A-Coruña
20 Jun 2026

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, informou de que o Xulgado do Contencioso-Administrativo nº2 da Coruña vén de declarar a firmeza da sentenza que invalida o recurso presentado polo PP contra o acordo que permitiu ao Concello recuperar máis de 8 millóns de euros polos sobrecustos detectados na xestión dos residuos de Nostián entre 2011 e 2018.

A firmeza do auto xudicial desbota de forma definitiva a demanda presentada polo PP, que pedía a anulación do acordo transaccional alcanzado con Albada, concesionaria da planta de tratamento, no primeiro trimestre do ano pasado.

A resolución xudicial non só desestima o recurso do PP, senón que ratifica a legalidade dun acordo que permitirá ao Goberno de Inés Rey devolver ás arcas municipais máis de 8 millóns de euros, uns fondos públicos que, segundo indicou Lage, non foran reclamados polos gobernos anteriores desde 2011.

O edil lembrou que entre 2011 e 2015, período no que gobernaba o PP, non se deron os pasos necesarios para recuperar estes sobrecustos, e destacou que foi o actual executivo local o que conseguiu un acordo validado polos tribunais para garantir o reintegro das cantidades.

Lage sinalou que o proceso iniciado en novembro de 2023 permitiu reclamar á concesionaria os importes correspondentes ao período 2011-2018, contía que fora asumida polo Concello a pesar de que posteriormente o Tribunal Superior de Xustiza estableceu que debía ser a empresa xestora quen se fixese cargo destes custos.

O concelleiro afirmou que este auto supón o terceiro aval xudicial á xestión municipal neste asunto e destacou que, malia os obstáculos, o Concello poderá recuperar os fondos e destinalos a investimentos e servizos nos barrios da cidade.

0.34203910827637