A Xustiza falla a favor dos feirantes no conflito polas festas do Cristo de 2025

O tribunal considera contrarias a dereito varias das condicións impostas polo Concello e a asociación alerta de que as festas poderían quedar sen atraccións por terceiro ano consecutivo
BETANZOS atracciones
13 Oct 2026

A Asociación de Empresarios e Empresarias de Atraccións de Feira de Galicia (EMAFEGA) obtivo unha resolución xudicial favorable no conflito que mantén co Concello do Porriño polas condicións establecidas para instalar as atraccións nas festas do Cristo. A sentenza firme número 188/2026, do 31 de xullo, anula varios apartados das bases municipais de 2025 ao consideralos contrarios a dereito, agás o relativo á franxa de tres horas sen ruído, entre as 17.00 e as 20.00 horas.

A resolución, ditada polo Tribunal de Instancia de Pontevedra, cuestiona que o Concello substituíse o réxime de declaración responsable previsto na normativa por unha autorización administrativa previa para permitir a instalación das atraccións. Segundo o tribunal, os concellos poden establecer condicións técnicas e de seguridade, pero non impoñer novas esixencias á marxe da lexislación vixente nin facelo mediante un decreto da Alcaldía.

A sentenza tamén dá a razón a EMAFEGA respecto ao chamado Día do Neno. O Concello establecera unilateralmente a data na que as atraccións debían ofrecer prezos reducidos, pero o tribunal considera que, se estes prezos deben acordarse entre a Administración local e os feirantes, tamén debe pactarse cando se aplican.

A asociación lembra que xa advertira destas irregularidades antes das festas de 2025, cando presentou alegacións contra as bases por considerar que incluían restricións excesivas, falta de proporcionalidade e cargas inxustificadas. O Concello rexeitou aquelas reclamacións e mantivo as condicións, unha decisión que acabou deixando fóra das festas as 20 atraccións que solicitaran instalarse.

A preocupación de EMAFEGA céntrase agora nas bases aprobadas para as festas do Cristo de 2026, que, segundo denuncia, reproducen boa parte das condicións anuladas pola Xustiza. Por este motivo, a asociación solicitou ao tribunal a suspensión cautelar inmediata das novas bases para evitar que as festas volvan quedar sen atraccións.

EMAFEGA sostén que as festas poden celebrarse sen aprobar novas bases, mediante a tramitación da ocupación dos espazos e a presentación das declaracións responsables correspondentes, conforme á normativa en vigor. A entidade reclama que o Concello cumpra a lexislación e evite repetir unha situación na que as atraccións queden excluídas antes de que exista unha resolución xudicial definitiva sobre as condicións impostas.

A asociación considera que o Porriño non pode afrontar as festas de 2026 ignorando o alcance da sentenza e insiste en que non reclama privilexios, senón que se aplique aos responsables municipais a mesma normativa que se esixe aos profesionais das atraccións de feira.

0.45830106735229