A XVIII edición da Tasca do Liño celebra este sábado unha nova edición que combina tradición, artesanía e música

A xornada comezará ás 11.00 horas coa apertura oficial e continuará ás 11.15 horas co pregón, a cargo de Rubén Ríos
presentacion-a-tasca-do-lino-presentacion-deputacion
30 Oct 2026

A parroquia de San Bartolomeu de Insua, en Vilalba, acollerá este sábado 31 de outubro a XVIII edición da Tasca do Liño, unha celebración organizada pola Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua para poñer en valor a tradición do liño e os oficios artesanais, cunha programación que combinará demostracións, música, gastronomía e actividades para todos os públicos.

A xornada comezará ás 11.00 horas coa apertura oficial e continuará ás 11.15 horas co pregón, a cargo de Rubén Ríos. Ao mediodía terá lugar unha demostración da Tasca do Liño, unha das actividades centrais da celebración. A música tamén terá un papel destacado, coa actuación de Troupeleare, acompañada por Branca Villares e Pablo Pintor, ás 13.00 horas.

Ás 14.30 horas celebrarase unha comida popular, para a que é necesario reservar no teléfono 696 618 454. Pola tarde, a programación continuará ás 16.30 horas coa actuación do grupo tradicional Entre Lusco e Fusco, seguida dunha nova demostración da Tasca do Liño ás 17.30 horas. Ás 18.00 horas haberá unha degustación de cacho, ás 18.30 horas actuará o grupo A Roda e a xornada rematará ás 20.00 horas cunha queimada.

Durante toda a celebración desenvolveranse tamén obradoiros participativos de serigrafía e cianotipia, a cargo de Peixesapop, ademais de xogos e propostas infantís. A programación completarase con postos de artesanía e demostracións de traballos tradicionais en vivo, entre os que figuran a cerámica, o fiado e o encaixe de bolillos, a talla e o torneado de madeira e o zoqueiro.

A iniciativa busca manter viva a memoria dos traballos tradicionais vinculados ao liño e favorecer a transmisión destes coñecementos entre xeracións, ao tempo que ofrece un espazo de encontro arredor da cultura popular, a artesanía e a convivencia veciñal.

A Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua organiza o evento coa colaboración de distintas entidades e institucións, entre elas o Concello de Vilalba, a Deputación de Lugo, o Centro de Artesanía e Deseño e outras organizacións vinculadas á promoción da artesanía e da cultura tradicional.

As persoas interesadas en participar na comida popular poden reservar praza chamando ao 696 618 454.

PRESENTACIÓN DO EVENTO

A programación presentouse este xoves na Deputación nun acto no que participaron a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; e a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua, Lourdes Otero.

“A Tasca do Liño cumpre dezaoito edicións, e iso demostra que cando hai compromiso, ilusión e ganas de preservar o propio, as iniciativas medran e se consolidan”, afirmou a deputada. García Porto tamén salientou o papel das mulleres na conservación dos coñecementos tradicionais e na súa transmisión entre xeracións.

A recuperación do proceso tradicional do liño é un dos eixes da celebración. O cultivo desta planta e a transformación da súa fibra para elaborar tecidos formaron parte durante séculos da vida cotiá das familias galegas. Era un traballo laborioso que, ademais de proporcionar recursos para os fogares, favorecía os encontros e a convivencia nas aldeas.

A presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua, Lourdes Otero, destacou “o orgullo de chegar ás dezaoito edicións e de seguir conservando o legado das xeracións anteriores”. A asociación busca manter vivos os coñecementos sobre a sementeira e o tratamento do liño e achegalos ás persoas máis novas para que poidan coñecer as súas orixes.

Pola súa banda, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, puxo en valor a iniciativa impulsada polas mulleres da parroquia e reivindicou o recoñecemento dun traballo que “durante moito tempo permaneceu invisible, malia a súa importancia para a vida das familias e das zonas rurais”.

0.36186099052429