Abel Losada destaca o descenso da criminalidade na provincia de Pontevedra no primeiro semestre de 2026

A Comisaría de Vigo-Redondela recorta os delitos nun 1,5%, Pontevedra sobe un 4,5%, Vilagarcía incrementa un 7,9% e Marín baixa un 8,9%
xunta-seguridade-abel-losada-pontevdra
9 Sep 2026

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, destacou a positiva evolución da provincia en materia de seguridade tras analizar na Xunta Provincial de Seguridade as estatísticas de evolución da delincuencia durante o primeiro semestre de 2026. O número de delitos mantívose estable (+0,05%) no ámbito urbano (demarcación da Policía Nacional) e rexistrou unha baixada dun 1,4% no rural (demarcación da Garda Civil). O subdelegado subliñou que este descenso global confirma a baixada continua que se vén producindo dende 2022 “nunha das provincias máis seguras de España”.

Losada felicitou polo seu traballo aos máximos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Pontevedra, é dicir ao coronel da Garda Civil, Manuel Touceda; ao comisario-xefe provincial, Juan José Díaz, e ao comisario xefe operativo de Vigo-Redondela, Luis Hombreiro. Na xuntanza participou tamén a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller, María José Rodríguez, e a secretaria xeral da Subdelegación, María Isabel Alonso.

O subdelegado indicou, coñecidos os datos que a provincia segue na senda de situarse, cara finais deste ano, por debaixo dos 33.000 delitos anuais, é dicir, nunha clara liña descendente dende 2022. Non obstante, advertiu de que un pequeno número de delincuentes reincidentes, especialmente nos delitos contra o patrimonio, está a afectar moito ás estatísticas. Por este motivo, volveu apelar á necesidade de que se incrementen as ordes xudiciais de ingreso en prisión preventiva e tamén polos xuízos rápidos, na medida en que engrosan os antecedentes xudiciais. “A experiencia nos di que cando estes autores están en prisión volve a tranquilidade”, afirmou.

Nos seis primeiros meses do ano, a Policía Nacional rexistrou no conxunto das catro comisarías: Vigo-Redondela, Pontevedra, Vilagarcía e Marín un anecdótico incremento de só 5 delitos, pasando de 8.825 a 8.829 (+0,05%) e realizou 1.621 detencións (un 2,5% máis). Por tipos de delitos destaca o descenso dos delitos contra a liberdade sexual (-20%) roubos con violencia (-15%) e os relacionados coas drogas (-14%).

Por comisarías, a de Vigo-Redondela volve baixar, desta vez nun 1,54%, acumulando así un novo semestre en números verdes. Pasou de 6.157 a 6.062 feitos delituosos. A Comisaría de Pontevedra rexistrou unha suba dun 4,59% no semestre despois de varios anos de baixadas (pasa de 1.502 a 1.571 delitos entre xaneiro e xuño), a de Vilagarcía rexistrou un incremento dun 7,9% (pasou de 796 a 859 delitos) e, finalmente, a de Marín recortou os números da delincuencia semestral nun 8,9% ao ter pasado de 370 delitos no mesmo período do ano pasado a 337.

A Garda Civil rexistrou 88 delitos menos (un descenso do 1,24% na provincia) durante o primeiro semestre de 2026 e realizou 1.789 detencións ou investigacións de persoas (un 12% menos). Por tipoloxías delituosas, no ámbito rural da provincia destaca o descenso substantivo dos delitos contra a liberdade sexual (-41%) na mesma liña que o apuntado pola Policía Nacional.

O impacto da ciberdelincuencia

A Xunta Provincial de Seguridade tamén analizou o desigual impacto da ciberdelincuencia neste primeiro semestre do ano, dado que, mentres baixa nun 9,5% no ámbito urbano, sobe un 9,3% no territorio rural. O subdelegado e os responsables policiais coincidiron na importancia de seguir incidindo nas campañas preventivas, tanto co plan Maior, como dando difusión ás denuncias que se reciban, así como amplificando as alertas do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE).

Finalmente avaliáronse as estatísticas de violencia de xénero. Hai un total de 2.077 casos activos na provincia. Non hai ningunha muller en risco extremo, mentres que 26 están en risco alto, 361 en risco medio e 1.680 en risco baixo. Un total de 1.353 vítimas teñen orde de protección, 139 dispoñen de teléfono Atempro (entrégase a criterio dos Servizos Sociais municipais ás vítimas de violencia de xénero e/ou sexual) e outras 40 dispoñen do dispositivo Cometa (entrégase polo Xulgado para asegurar que os maltratadores cumpran coa orde de afastamento). Neste senso, constatouse que os dispositivos están a funcionar correctamente e non houbo incidencias técnicas.

Un total de 1.090 vítimas contan con seguimento activo por parte da Garda Civil, 599 da Policía Nacional, 111 da Unidade Adscrita da Policía Nacional e 267 das policías locais da provincia naqueles concellos que están adheridos a VioGén.

0.33501100540161