Abel Losada visitaas obras do novo cuartel da Garda Civil de Cambados

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou hoxe xunto ao alcalde de Cambados, Samuel Lago, o coronel da Garda Civil, Manuel Touceda, e a directora da obra, a arquitecta do SIEPSE, Yolanda Palomar, as obras do novo acuartelamento da Garda Civil na vila, que o Goberno de España constrúe na parcela da rúa Valle Inclán. O investimento, de 12 millóns de euros euros, permitirá completar unha infraestrutura deseñada para dar servizo a máis dun centenar de efectivos.
O proxecto licitado pola Sociedade Infraestruturas e Equipamentos da Seguridade (SIEPSE) contempla a construción de dous edificios independentes unidos por un soto común. O primeiro, situado máis próximo á rúa Valle Inclán, albergará as dependencias oficiais e terá tres plantas sobre rasante. O segundo, situado no interior da parcela e orientado cara aos xardíns do Pazo de Fefiñáns, estará destinado ao uso residencial. En conxunto, as novas instalacións sumarán 5.250 metros cadrados construídos.
O edificio operativo concentrará os servizos da Compañía, Intervención de Armas, PAPRONA, Policía Xudicial, PAFIF, Posto Fiscal e Posto Principal Cambados-Vilagarcía, ademais das áreas de atención á cidadanía e de atención a mulleres e menores, entre outras dependencias.
Na planta baixa situaranse fundamentalmente os servizos con atención ao público, mentres que as plantas superiores albergarán as distintas unidades e áreas de traballo. O soto disporá dun garaxe con capacidade para 52 vehículos, zona de lavado e taller, almacéns e unha área de seguridade diferenciada con cinco calabozos, dous deles individuais para menores. O deseño separa os percorridos de público e persoas detidas para evitar que se crucen.
O segundo edificio contará con 16 vivendas, distribuídas en catro plantas residenciais, con vivendas dun e tres dormitorios, ademais de aparcamento cuberto e trasteiros.
O proxecto presta tamén especial atención á súa integración no entorno do Pazo de Fefiñáns, ao atoparse a parcela dentro do seu ámbito de protección. As fachadas empregarán granito e o edificio residencial orientarase cara aos xardíns do pazo, mentres que as cubertas incorporarán paneis fotovoltaicos.
Losada destacou que “a construción deste novo cuartel é unha actuación moi importante para Cambados e para toda a comarca, porque permitirá que a Garda Civil dispoña dunhas instalacións modernas, funcionais e adaptadas ás necesidades dun servizo que vai reunir a 131 efectivos”. “Falamos dun investimento e dun proxecto ambicioso, que mellorará tanto as condicións de traballo dos axentes como a atención á cidadanía”, sinalou.
O subdelegado puxo tamén en valor a continuidade dun proxecto que tivo que ser reformulado para dar resposta aos problemas técnicos detectados durante a súa execución. ““O importante é que se traballou para atopar unha solución viable e segura que permite sacar adiante unha infraestrutura necesaria e moi esperada en Cambados e que, unha vez superadas estas dificultades, está a avanzar a bo ritmo”, afirmou.
Losada subliñou o “papel activo” do alcalde de Cambados e do Concello durante todo o proceso para axudar á reactivar este investimento. “O alcalde estivo moi pendente deste proxecto traballando, cóbado con cóbado coa Subdelegación e tamén co SIEPSE. Nunha actuación complexa como esta, a cooperación entre administracións é fundamental para superar as dificultades e conseguir que as obras saian adiante”, asegurou.
“O obxectivo compartido é que Cambados conte canto antes co cuartel que necesita e que os e as axentes da Garda Civil poidan desenvolver o seu labor nas mellores condicións posibles”, concluíu Losada.