Aberta a inscrición de voluntariado para os XVI Xogos do Eixo Atlántico en Santiago

O Concello de Santiago de Compostela abriu o prazo de inscrición para participar como voluntaria nos XVI Xogos do Eixo Atlántico, que se celebrarán na cidade entre o 5 e o 10 de xullo.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou o programa de voluntariado nun acto no que destacou a importancia destas persoas para o desenvolvemento do evento. “A organización destes xogos require dun esforzo moi grande e o voluntariado é unha peza fundamental”, sinalou.
Está previsto que máis de 50 voluntarias colaboren na organización dunha cita deportiva que reunirá a máis de 2.300 deportistas procedentes de 28 cidades galegas e portuguesas.
Dúas áreas de colaboración
As persoas voluntarias desenvolverán o seu labor en dúas funcións principais: o acompañamento das delegacións participantes —con dúas persoas asignadas a cada equipo— e as tarefas vinculadas ás instalacións deportivas.
Entre estas últimas inclúense funcións como apoio ao arbitraxe, atención aos equipos, control do material deportivo, organización de vestiarios ou atención ao público asistente.
Desde o Concello fan un chamamento á mocidade para implicarse nesta iniciativa, que converterá a cidade nun referente deportivo do noroeste peninsular durante unha semana.
Inscrición aberta ata o 30 de maio
O prazo para anotarse como voluntaria estará aberto ata o 30 de maio a través dun formulario en liña. As persoas interesadas deberán ser maiores de idade na data límite de inscrición.
A participación inclúe cobertura sanitaria e seguro de responsabilidade civil. Ademais, no caso do estudantado universitario, o voluntariado poderá ser recoñecido con créditos académicos grazas á colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.
As persoas interesadas tamén poden solicitar máis información a través da Concellería de Deportes, no Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro.