Abre a inscripción para o foro máis importante de España sobre prevención e detección do abuso sexual infantil

A Xunta mantén abertas desde este venres, 16 de outubro, as inscricións para asistir á V edición do Foro Juntos contra los Abusos, o congreso máis importante de España sobre a actuación e tratamento fronte á violencia sexual na infancia.
O foro celebrarase o 12 de novembro no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (Egap), en Santiago de Compostela, e nel participarán profesionais de recoñecido prestixio en España neste ámbito. Abordarán desde o eido social, xurídico e sanitario as diferentes abordaxes para detectar e previr abusos infantís. As persoas interesadas poderán inscribirse a través da páxina web deste evento.
Ao longo da xornada terán lugar as diferentes conferencias que comezarán coa do psicólogo clínico Arun Mansuhkani que abordará o impacto neuropsicolóxico do abuso. A continuación, a directora de Amino Galicia, Isabel Pece, afondará nos mecanismos de detección temperá; seguidamente será Iciar Jiménez, da Asociación Saca tu voz, a encargada de expoñer a importancia de aprender en base aos testemuños.
Pola tarde será a quenda de Israel Berenguer, da Fundación A la par, que se centrará na abordaxe do abuso sexual na infancia con discapacidade; Rosa Rúa-Fontarigo, docente do CIPF A Carballeira, abordará o papel do profesorado na detección do abuso na infancia. A continuación, Avelina Senra e Irene Herranz, da Fundación Meniños, centrarán o seu relatorio na importancia dos espazos terapéuticos para garantir a recuperación. O peche da xornada correrá a cargo da xefa da Sección Clínica Forense da Subdirección do Imelga en Pontevedra, Iria del Río, que expoñerá o papel do persoal médico e forense.