Abre en Vilalba a Bienal de PIntura do Eixo Atlántico, que pode visitarse no Auditorio

A alcaldesa destaca que “ter en Vilalba unha mostra internacional destas características permítenos achegar propostas de calidade á veciñanza e seguir consolidando unha programación viva e diversa”
bienal-de-pintura-eixo-atlantico
9 Jun 2026

Vilalba acolle durante todo este mes de xuño a XV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, unha exposición itinerante que ao longo deste ano percorrerá un total de 11 municipios de Galicia e do norte de Portugal e que fai parada na capital chairega ata o próximo 30 de xuño.

A mostra pode visitarse na sala de exposicións do Auditorio Municipal, de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, e reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e tamén de autores e autoras cunha ampla traxectoria no ámbito da creación contemporánea.

A Bienal constitúe un espazo de encontro cultural entre Galicia e o norte de Portugal e permite achegar ao público diferentes miradas e linguaxes artísticas arredor de temas como a paisaxe, a identidade, a memoria ou a realidade contemporánea.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, puxo en valor que o municipio forme parte dunha programación compartida entre territorios e destacou o impacto que supón para a actividade local.

“Ter en Vilalba unha exposición destas características é unha oportunidade para achegar á veciñanza propostas que normalmente asociamos a grandes cidades e demostrar que tamén desde municipios como o noso se pode acceder a unha programación de primeiro nivel”, sinalou.

Rouco destacou ademais que a chegada da Bienal encaixa coa liña de traballo que se está impulsando desde o Concello para ampliar e diversificar a actividade da vila ao longo do ano.

“Nas últimas semanas Vilalba acolleu encontros musicais, concertos, exposicións e eventos de distintas disciplinas e iso responde a unha idea moi clara: que cada vez pasen máis cousas na nosa vila”, explicou.

A rexedora animou tamén á veciñanza a visitar a exposición e aproveitar unha oportunidade que estará dispoñible durante todo o mes.

“A Bienal permite descubrir artistas e formas diferentes de entender a pintura. É unha exposición para visitar con calma, volver máis dunha vez se se quere e desfrutar dunha experiencia diferente sen saír de Vilalba”, concluíu.

A XV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico permanecerá aberta ao público ata o 30 de xuño na sala de exposicións do Auditorio Municipal.

0.25284194946289