Abre hoxe o prazo para a presentación de candidaturas aos Premios Artesanía de Galicia 2026

A Xunta abre mañá o prazo para presentar candidaturas aos Premios Artesanía de Galicia 2026, que recoñecen o traballo, a creatividade e a traxectoria dos profesionais do sector artesán galego, ademais de apoiar a incorporación de novos talentos e a súa formación especializada.
Os galardóns estrutúranse en tres categorías: o Premio Artesanía de Galicia, que recoñece unha obra artesanal; o Premio Traxectoria, de carácter honorífico, que distingue a carreira profesional dun artesán ou artesá; e as Bolsas Eloy Gesto, destinadas a apoiar a formación especializada de novos profesionais. En total, a convocatoria conta cunha dotación de 21.000 euros.
O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 1 de outubro ás 14,30 h. A presentación será exclusivamente telemática no caso do Premio Traxectoria e das Bolsas Eloy Gesto, mentres que as candidaturas ao Premio Artesanía de Galicia deberán realizarse de xeito presencial na sede da Fundación Artesanía de Galicia, en Santiago de Compostela. As propostas gañadoras faranse públicas nun acto que se celebrará na capital de Galicia a finais de ano.
Categorías
O Premio Artesanía de Galicia 2026, dotado con 9.000 euros, está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación e a boa calidade da obra. Poderanse presentar a esta categoría todos os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
O Premio Traxectoria 2026, de carácter honorífico, será outorgado a proposta do propio sector para recoñecer a traxectoria profesional dun artesán ou artesá galega, a súa contribución á promoción da artesanía, a calidade do seu traballo e o seu compromiso coa divulgación e transmisión dos seus valores. Está dirixido a profesionais en activo ou retirados inscritos ou que estiveran inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, cun mínimo de 20 anos de actividade acreditada. As candidaturas poderán ser presentadas por obradoiros rexistrados, asociacións profesionais, entidades locais e outras entidades públicas ou privadas.
Finalmente, as Bolsas Eloy Gesto poderán premiar ata tres candidaturas con 4.000 euros cada unha para realizar formación especializada nun centro de prestixio. Esta categoría pretende impulsar a remuda xeracional, a incorporación de novos talentos e a profesionalización do sector. Valorarase a calidade e innovación da proposta formativa, a transferencia de coñecemento, o uso de novas tecnoloxías, o currículo das persoas candidatas, o potencial para desenvolver produtos artesanais innovadores, o grao de madurez do proxecto e a colaboración entre distintas actividades artesanais. Poderán participar persoas artesás de ata 45 anos en 2026.