Abre mañá o prazo para pedir autorización para explotar servizos de tempada no litoral en 2027

Por segundo ano desde que asumiu a xestión plena da costa, o Goberno galego tramitará de forma directa estas solicitudes no dominio público marítimo-terrestre
OLEIROS litoral
30 Sep 2026

A Xunta de Galicia abrirá a partir de mañá o prazo de solicitude para que aqueles concellos costeiros interesados en asumir a explotación de servizos de tempada na zona do dominio público marítimo-terrestre (DPMT) dos seus respectivos municipios poidan tramitar a autorización correspondente.

Así se recolle no anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) para informar sobre os prazos relativos aos servizos, actividades e eventos que se poderán instalar no DPMT de cara á tempada alta do vindeiro ano.

Desde mañá e ata o 30 de outubro, as entidades locais poderán presentar, con carácter preferente, as súas solicitudes de prórroga ou de nova autorización a través do procedemento único habilitado na sede electrónica da Xunta e tomando como referencia a guía e o modelo base para a elaboración do plan de explotación de cada concello —que terá unha vixencia de catro anos—.

Todo este material está xa dispoñible no portal Galicia litoral da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e, a maiores, prevese convocar tamén un webinario informativo dirixido ás entidades locais.

Desde o traspaso efectivo á Xunta o 1 de xullo de 2025 das funcións e servizos para a xestión do litoral, este é o segundo ano que o Goberno galego asume a tramitación directa das solicitudes dos concellos interesados na explotación das instalacións, actividades, eventos e servizos de tempada e praia no DPMT do seu termo municipal. Cómpre lembrar que este ano un total de 18 municipios costeiros galegos asumiron a xestión desta zona.

Nestes casos, serán as propias administracións locais as que tramitarán o procedemento para a adxudicación a terceiros dos servizos e actividades que se desenvolverán nesta franxa da costa, incluída a publicación dos correspondentes anuncios, con indicación neles dos prazos para a presentación de ofertas ou solicitudes de participación.

Unha vez pechado este primeiro prazo, preferente e reservado só para concellos, as persoas físicas e xurídicas interesadas en explotar servizos de tempada en terreos do DPMT localizados en municipios costeiros que non teñan asumida a súa xestión, poderán solicitar autorización á Xunta desde o 16 de novembro ata o 31 de decembro deste ano.

Así mesmo, o anuncio publicado hoxe no DOG establece tamén que o prazo de apertura para os servizos e actividades de tempada se estenderá desde o primeiro día da próxima Semana Santa (neste caso, o 19 de marzo) ata o 31 de outubro de 2027.

Durante este período, como xa se permitiu por primeira vez este ano, as instalacións autorizadas poderán permanecer abertas de forma ininterrompida. Ademais, tendo en conta o seu carácter temporal e desmontable, este tipo de construcións (por exemplo, os chamados chiringuitos de praia) terán que quedar efectivamente retiradas do DPMT no prazo máximo de 15 días, contados desde a finalización da tempada.

0.34284496307373