Abre no colexio de Fonseca unha mostra sobre Begoña Caamaño

Con motivo da celebración das Letras galegas 2026, a Biblioteca Universitaria dedica unha mostra bibliográfica á autora homenaxeada este ano
begona-caamano
4 May 2026

Con motivo da celebración das Letras galegas 2026, a Biblioteca Universitaria dedica unha mostra bibliográfica a Begoña Caamaño, xornalista, escritora, activista e unha das voces máis destacadas do feminismo galego contemporáneo. A exposición percorre a súa traxectoria vital e o seu compromiso co pensamento crítico, coa lingua e cos dereitos das mulleres. Nela póñense de relevo as súas contribucións no eido do xornalismo radiofónico e da prensa escrita así como a súa decisiva achega á literatura galega a través dunha obra narrativa breve pero de grande alcance. A mostra inaugúrase este martes 5 ás 11.00 horas.

A documentación que se exhibe no Claustro Alto do Colexio de Fonseca ten como obxectivo achegar ao público a relevancia cultural, social e literaria de Begoña Caamaño, reivindicando unha autora que fixo do xornalismo, da palabra e da creación un espazo de intervención ética e política.

Así, a mostra presenta unha escolma de artigos de opinión aparecidos en distintas revistas e xornais, nos que a escritora viguesa toma partido a favor da insubmisión, contra a xestión do desastre ecolóxico do Prestige, na defensa do ensino e da sanidade pública e de xeito transversal, na defensa dos dereitos das mulleres.

Nos apartados dedicados ás súas dúas novelas, Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle técese un diálogo con autoras como Margaret Atwood e as galegas Xohana Torrres, María Xosé Queizán ou Chus Pato, pioneiras na tarefa de reformular figuras de mulleres senlleiras, reais ou imaxinadas.

A escolla de Begoña Camaño para as Letras Galegas 2026 converte esta exposición nunha boa oportunidade para redescubrir un legado que segue plenamente vixente.

A mostra pode visitarse do 5 ao 29 de maio, en horario de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

0.37509393692017