Abre no Pazo Provincial de Pontevedra a mostra 'Galicia Inédita' de fotoxornalistas galegos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalza o talento, creatividade e compromiso coa terra coa que os fotoxornalistas galegos ofrecen á cidadanía un xeito “único” para aproximarse á realidade. Fíxoo na inauguración da segunda edición da exposición “A Galicia Inédita”, que regresa por segundo ao consecutivo ao Pazo provincial para exhibir a obra de 92 profesionais da fotografía e o xornalismo e que permanecerá aberta ao público de xeito gratuíto ata o vindeiro 30 de outubro. “Con esta exposición poñemos en valor o voso traballo e proxectamos unha terra única, da que vós lanzades mensaxes moi contundentes todos os días. É unha exposición feita por profesionais únicos que proxecta unha terra única como son as Rías Baixas e Galicia”, declarou o mandatario provincial para dar os parabéns tanto aos autores, como á Asociación de Xornalistas de Galicia e á Asociación de profesionais de Fotoxornalistas de Galicia que promoven esta iniciativa.
No vestíbulo do Pazo provincial déronse cita profesionais do fotoxornalismo de distintos lugares da provincia e de Galicia para asistir á inauguración da segunda edición da exposición Galicia Inédita, que recala este ano novamente no pazo provincial despois de ter exposto xa a primeira edición. A presidenta da Asociación de Xornalistas de Galicia, María Méndez; o fotoxornalista pontevedrés e vicepresidente do colectivo, Ramón Leiro; e o comisario da mostra, Fernando Blanco; reivindicaron o labor do fotoxornalismo e salientaron a transcendencia dunha mostra que é unha testemuña fiel e real do que acontece a diario en Galicia. Un recoñecemento ao que tamén se sumou o presidente provincial que, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, admitiu que “hai moitos xeitos de ver a realidade” pero o traballo dos fotoxornalistas “é imprescindible” porque “premendo un só botón transmitides todo”.
Despois de expresar a súa admiración polo traballo e o talento dos profesionais do fotoxornalismo galego, o presidente Luis López vaticinou que esta exposición non só será “a máis vista de todas as que acollemos neste vestíbulo do Pazo provincial” senón que ademais funcionará como un altofalante para dar a coñecer a riqueza patrimonial e artística das Rías Baixas e de toda Galicia. “Vai ser a exposición máis vista da historia de todas as exposicións que facemos aquí porque dáse a circunstancia de que a cidade acolle estes días as Series Mundiais de Tríatlon nas que participan 5.000 deportistas. A carpa para recoller os dorsais está diante do Pazo e estes días xa entraban á Deputación para ver a exposición. Había deportistas de Canadá, Estados Unidos ou México e non imaxinades a admiración coa que vían a exposición. Isto é o que van levar ao outro lado do Atlántico, unha foto desta fermosa terra”, relatou o dirixente antes de convidar “literalmente a todo o mundo” a achegarse ao Pazo provincial para contemplar a mostra e de ofrecer aos organizadores a acollida dunha terceira edición.