Abre o concurso de 153 dereitos mineiros no que se valorará o retorno económico

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai “sacar a concurso 153 dereitos mineiros caducados nas catro provincias”, onde os criterios sociais, económicos e ambientais serán determinantes. Deste xeito, a Xunta reforza a súa aposta por unha minaría vinculada á industria, á innovación e á creación de valor coa posta en marcha da segunda fase do Plan mineiro de Galicia para a investigación e explotación de recursos minerais críticos e metálicos.
A convocatoria supón un importante avance, xa que, tal e como explicou o presidente, incluirá “unha superficie de 200.000 hectáreas, o que supón dez veces máis que a que se convocou o ano pasado” e ademais, saen a concurso dereitos para proxectos de investigación de novos recursos e para o aproveitamento de xacementos con reservas xa acreditadas.
En concreto, o concurso inclúe 126 permisos de investigación e 27 concesións de explotación. Os primeiros permitirán estudar o potencial do subsolo galego e determinar a existencia e características dos recursos minerais presentes en cada zona; as segundas permitirán o aproveitamento de xacementos cuxas reservas xa están acreditadas, sempre que os proxectos cumpran cos requisitos técnicos, ambientais e administrativos establecidos. Unha vez que se publique a convocatoria no Boletín Oficial del Estado (BOE), as empresas interesadas disporán de dous meses para presentar as súas solicitudes.
Trátase de recursos relevantes para a industria do século XXI. O litio, por exemplo, é esencial para a fabricación de baterías; o volframio emprégase en ferramentas, aliaxes e aplicacións industriais de alta resistencia; o estaño ten un papel destacado na electrónica, e o cuarzo, o caolín ou a arxila son fundamentais para sectores como a construción. Nesta liña, Rueda lembrou ademais que “o territorio galego conta con 18 das 34 materias primas cualificadas como críticas pola UE”, uns recursos cuxo valor potencial podería alcanzar os 45.000 millóns de euros.
Minaría que debe deixar riqueza aos veciños
A Xunta considera que Galicia debe aproveitar o potencial dos seus recursos naturais desde unha perspectiva vinculada á industria, á innovación e á creación de valor, especialmente nun contexto internacional en que o acceso a determinadas materias primas é cada vez máis relevante para a competitividade das economías europeas.
Por iso, o obxectivo da convocatoria vai máis alá de facilitar o aproveitamento dos recursos minerais. “Queremos garantías de que os novos proxectos mineiros terán un impacto positivo na contorna”, indicou o presidente. O obxectivo é que os proxectos que se desenvolvan en Galicia xeren riqueza e oportunidades nos territorios en que se implantan, de maneira que a actividade mineira se traduza en emprego, investimento e actividade económica local.
Por este motivo, “unha das grandes novidades” deste concurso é que as empresas que resulten adxudicatarias deberán presentar plans sociais e compromisos concretos para incrementar o impacto positivo dos proxectos nas zonas de implantación. Entre os aspectos que se valorarán estarán a creación de emprego, a mobilización de investimento, a contratación de empresas e provedores locais, a xeración de actividade económica e a contribución ao desenvolvemento socioeconómico das áreas afectadas. Así, o 65 % da valoración das propostas nas concesións de explotación, os dereitos de maior interese corresponderá a criterios socioeconómicos e ambientais, fronte ao peso dos criterios especificamente mineiros.
Neste suposto das concesións de explotacións, exiximos o compromiso de achega económica anual para o seu despregamento, cunha contía mínima do 5 % do EBIT (beneficios antes de xuros e impostos), valorándose unha maior contribución co obxectivo de que nalgúns casos poida superar o 8 %.
Os 126 permisos de investigación distribúense entre as catro provincias e permitirán avanzar no coñecemento do potencial mineiro do territorio. Pontevedra concentrará 66 permisos de investigación; A Coruña contará con 29; Lugo, con 21, e Ourense, con 10. En total, os permisos abranguen unha superficie de 200.244,89 hectáreas, dez veces superior á incluída no concurso convocado en 2025.
A natureza dos recursos que poderán ser obxecto de investigación varía en función das características xeolóxicas. Así, en Lugo poderán investigarse, entre outros, indicios de cobre, ouro, chumbo ou zinc; en Ourense, de coltán, volframio, litio ou estaño; en Pontevedra, de litio, volframio ou estaño, e na Coruña, ademais de volframio e estaño, existen indicios de cuarzo, lignito ou serpentina.
A investigación permitirá determinar o potencial destes recursos e, de ser o caso, valorar a súa explotación. Así, as empresas poderán solicitar inicialmente un permiso de investigación para estudar o subsolo. Deste xeito, a autorización para investigar non supón automaticamente a apertura dunha explotación mineira, senón que constitúe unha fase previa destinada a coñecer con precisión os recursos existentes e a súa viabilidade.
27 concesións de explotación para aproveitar reservas acreditadas
A convocatoria inclúe tamén 27 concesións de explotación, todas na provincia da Coruña. Trátase de dereitos vinculados a xacementos con reservas acreditadas e que permitirán avanzar no seu aproveitamento, sempre sometido ao cumprimento das correspondentes exixencias técnicas e ambientais.
En San Fins, sairán a concurso 21 dereitos para o aproveitamento de reservas de volframio e estaño; en Santa Comba, dous vinculados tamén a estes dous minerais; en Corcoesto, tres para o aproveitamento de ouro e Mesón Uno, un dereito para caolín, cuarzo e arxila.
Con esta combinación de permisos de investigación e concesións de explotación, a Xunta pretende avanzar tanto no coñecemento dos recursos existentes no subsolo galego como no aproveitamento daqueles xacementos que presentan xa reservas acreditadas, sempre desde unha perspectiva de sustentabilidade, seguridade, innovación e creación de valor.
Seguindo a folla de ruta da Axenda de Impulso da Minería Sostible de Galicia 2030, o Goberno galego aspira a converter o sector mineiro nun aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor industrial e para garantir que os procesos de transición ecolóxica e dixital dispoñan de recursos minerais autóctonos obtidos de maneira responsable.
Neste camiño, a Consellería de Economía e Industria acometeu melloras no visor de dereitos mineiros coa incorporación de novas funcionalidades, entre elas unha ferramenta baseada na intelixencia artificial con capacidade preditiva e un sistema de consulta de vértices.
A nova ferramenta permitirá aos solicitantes delimitar con maior precisión os dereitos mineiros e facilitará a elaboración dun informe coas coordenadas da zona seleccionada para a súa incorporación á correspondente solicitude.