A Xunta saca a información pública o novo acceso ao CHUO desde a N-525 e o Concello anuncia alegacións

O Goberno municipal considera que a proposta, que contempla un trazado de 640 metros e uninvestimento superior aos 4,3 millóns de euros, non responde ás necesidades da cidade
urxencias-chuo
12 Aug 2026

A Xunta de Galicia abriu o período de información pública do proxecto para construír unha nova vía de acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) desde a estrada N-525, mentres que o Concello de Ourense anunciou que presentará alegacións ao trazado. O prazo para formular observacións permanecerá aberto ata o 21 de setembro.

O proxecto foi presentado este mércores en Ourense pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada pola directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, e polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. O inicio da exposición pública foi publicado no Diario Oficial de Galicia e permite avanzar na tramitación administrativa da actuación.

A intervención da Xunta contempla un investimento superior aos 4,3 millóns de euros con fondos propios e inclúe a expropiación de 24 predios. O obxectivo é establecer unha conexión entre a N-525 e a avenida do Regato, na zona urbana, para facilitar os desprazamentos cara ao complexo hospitalario.

Martínez Allegue explicou que o novo viario conectará a estrada nacional “con esa avenida do Regato e que, polo tanto, atravesará de modo transversal de oeste a este, e evitará esa circunvalación, eses rodeos, non só os veciños de Ourense, senón de todos os usuarios do complexo hospitalario”.

O Consello da Xunta aprobou provisionalmente o proxecto a semana pasada e, coa apertura da información pública, continuará a súa tramitación. A nova infraestrutura terá aproximadamente 640 metros de lonxitude e permitirá conectar a N-525, que enlaza ao sur coa autovía A-52, coa contorna do CHUO.

Segundo a Xunta, a actuación permitirá que as persoas procedentes dos concellos da área sanitaria que acceden a Ourense pola N-525 desde o sur dispoñan dun percorrido máis directo cara ao hospital. A intervención busca tamén favorecer unha circulación máis fluída e evitar os rodeos que actualmente realizan os usuarios para chegar ao complexo.

O viario estará composto por dúas calzadas, con dous carrís de circulación de subida e un de baixada, separadas por unha mediana de dous metros. O proxecto contempla beirarrúas a ambos os lados e zonas de aparcamento ao longo do trazado.

Tamén se prevé a construción de dúas glorietas e distintas interseccións coa rede viaria municipal. Entre as conexións previstas figuran o Camiño Romano, o Camiño das Laxas e a rúa Ramón Abelas.

A Xunta defende que o novo acceso mellorará a accesibilidade ao CHUO e a mobilidade da súa contorna, tanto para a veciñanza de Ourense como para as persoas que se desprazan desde os demais municipios da área sanitaria.

A actuación, aínda que corresponde a un viario de carácter municipal, forma parte dos compromisos do Executivo galego coa mellora das infraestruturas de mobilidade na cidade. Os máis de 4,3 millóns de euros previstos para este proxecto súmanse aos 12,7 millóns destinados á rolda Leste, cuxa licitación foi impulsada recentemente pola Xunta. En total, ambas as actuacións representan 17 millóns de euros. Ademais, a Xunta sinala que investiu arredor de tres millóns de euros en reforzos de firme na cidade.

Martínez Allegue tamén enmarcou o novo acceso no conxunto de actuacións que a Xunta desenvolve en Ourense para facilitar os desprazamentos e mellorar o día a día da cidadanía, especialmente no acceso aos servizos da sanidade pública. Neste contexto, lembrou os investimentos realizados na senda de Reza, de 1,4 millóns de euros; na senda do Barbaña, de 5,4 millóns; e na pasarela de Cudeiro, que contou con máis de 430.000 euros.

Fronte á proposta da Xunta, o Concello de Ourense anunciou que presentará alegacións ao proxecto de trazado. O Goberno municipal considera que a actuación “non responde ás necesidades da cidade, non atende as demandas municipais e non é compatible co trazado previsto no Plan de Urbanismo en tramitación, nin co acordo do Pleno do Concello de xaneiro de 2025”.

Desde o Goberno municipal cuestionan ademais as características da infraestrutura proxectada e o seu punto de chegada. “Pasan por riba das nosas demandas, pasan por riba do PXOM e iso repercute en solos urbanizables que quedan descolgados. Executan unha vía de acceso ao CHUO que nin sequera chega ao CHUO, xa que remata na Avenida do Regato. Desbotan executar o bulevar de 35 metros que é necesario e realizan apenas unha estrada que cruza a cidade, sen aparcamentos”, explican.

O Concello lembra que xa trasladara á Xunta as súas consideracións sobre o trazado, as características da vía e o seu encaixe no planeamento urbanístico. Entre os antecedentes figura o acordo adoptado polo Pleno municipal o 10 de xaneiro de 2025, polo que se instaba á Xunta de Galicia a executar na súa totalidade a vía de conexión entre a N-525 e o barrio de Barrocás prevista no PXOM actualmente en tramitación.

Segundo o Concello, esa infraestrutura ten como finalidade mellorar os accesos ao CHUO e desconxestionar o tráfico nas rúas Marcelo Macías e Ramón Puga.

O Goberno municipal tamén trasladou á Xunta os informes elaborados polos servizos de Planeamento e Infraestruturas, nos que se advertían, segundo o Concello, “graves carencias” no proxecto autonómico.

En concreto, o informe de Planeamento sinalaba que a vía proxectada “non é compatible co que figura no planeamento en tramitación (PXOM 2019), que se corresponde co trazado no anulado PXOM 2003 e na anulada Ordenación Urbanística Provisional (2011). Por iso, implicará custos adicionais en todos os futuros desenvolvementos urbanísticos dos sectores urbanizables e de solo urbano non consolidado xa xestionado polos que discorre, sen respectar a urbanización executada conforme ao planeamento vixente nin no planeamento urbanístico en trámite”.

O Concello trasladará novamente estas demandas á Xunta mediante as alegacións que presentará durante o período de información pública do proxecto.

0.36102485656738