Abre o prazo para participar no programa Benestar en Balnearios, que este ano ofrece 1.300 estadías

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, presentou este mércores no Hotel Balneario Compostela de Brión a nova convocatoria do programa Benestar en Balnearios, que chega á súa duodécima edición convertido nun referente no envellecemento activo e saudable. Nesta edición, a Xunta ofrece máis de 1.270 prazas e aumenta as quendas para incluír os meses de verán.
Deste xeito, explicou que as persoas maiores de 60 anos, ou pensionistas de máis de 55, poderán desfrutar de estadías en pensión completa en 15 establecementos da nosa comunidade. Unha oportunidade, recalcou, para seguir desfrutando das oportunidades que ofrece a nosa comunidade, como o termalismo, nunha experiencia que mestura lecer, saúde e descanso desde xullo ata decembro.
O prazo para participar no programa está aberto desde hoxe e ata o vindeiro 26 de xuño e o obxectivo da Xunta é repetir o éxito de participación de anos anteriores, nos que se esgotaron todas as prazas. O compromiso do Goberno galego con esta iniciativa queda patente co reforzo do investimento, que nesta edición supera os 331.000 euros.
Na súa intervención, destacou que Benestar en Balnearios cumpre un dobre obxectivo, por unha banda, mellorar a calidade de vida dos maiores a través do fomento de actitudes positivas para o autocoidado da saúde e do impulso das relacións sociais, e por outra, dinamizar a economía local aproveitando a riqueza termal de Galicia, que é un dos principais destinos de turismo de augas mineromedicinais de España.
Ademais, Fabiola García lembrou que o programa forma parte da aposta da Consellería de Política Social e Igualdade polo envellecemento activo e saudable. Deste xeito, asegurou que hoxe en día facerse maior “non é ser maior máis anos, senón ser mozo máis tempo”. Con esta idea, a conselleira destacou que as iniciativas e programas da Xunta responden ao concepto integral de saúde da Organización Mundial da Saúde (OMS): “Un estado completo de benestar físico, mental e social”. Que é, rematou, “o que atopan os maiores cando visitan os balnearios galegos”.