Abre o prazo para participar no programa Educar en Xustiza durante o curso actual

Os centros educativos galegos xa poden solicitar a súa participación nunha nova edición do programa Educar en Xustiza, impulsado polo Consello Xeral do Poder Xudicial e organizado pola Oficina de Comunicación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A iniciativa permite que o alumnado coñeza de primeira man o funcionamento da Administración de Xustiza mediante a asistencia a xuízos reais.
Durante a actividade, os estudantes asisten a vistas da xurisdición e do partido xudicial da súa preferencia, entre os 45 existentes na comunidade autónoma. Ademais, terán a oportunidade de conversar co xuíz ou coa xuíza que presida cada sesión para formularlle as dúbidas que teñan sobre o funcionamento da Xustiza ou dos procedementos xudiciais dos que serán testemuñas como público.
O programa contribúe a que a mocidade comprenda mellor o funcionamento dos tribunais e reflexione sobre as consecuencias xurídicas e sociais de condutas como a violencia de xénero, o tráfico de drogas, o acoso escolar ou o uso inadecuado das redes sociais.
O programa alcanzou o seu máximo nivel de asistencia na edición anterior, coa participación de 11.363 alumnos e alumnas procedentes de 197 centros educativos, que acudiron a órganos xudiciais de 28 dos 45 partidos xudiciais de Galicia. Deles, 5.302 visitaron órganos xudiciais da provincia da Coruña; 1.107, da de Lugo; 917, da de Ourense; e 4.037, da de Pontevedra. Ademais do alumnado de institutos e colexios, tamén participaron estudantes de centros de formación profesional e das universidades da Coruña e de Vigo.
Os centros interesados xa poden remitir a súa solicitude á Oficina de Comunicación do TSXG a través do enderezo electrónico comunicacion.tsxg@xustiza.gal
Nesta ligazón están dispoñibles un caderno informativo e un vídeo para que o profesorado coñeza a dinámica do programa.