ACADAR lanza un servizo dirixido a mellorar a inclusión sociolaboral das mulleres con discapacidade

O programa conta con 35 participantes e estase a desenvolver actualmente en Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, O Carballiño e Silleda
acadar-allariz
17 Apr 2026

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, ACADAR, lanza un programa dirixido a mellorar a inclusión sociolaboral e promover o desenvolvemento das capacidades das mulleres con discapacidade.

O programa, explican desde a asociación, nace para dar resposta ás dificultades que moitas mulleres con discapacidade atopan para acceder e manter un emprego, sendo a independencia económica un elemento clave para acadar unha vida autónoma e plena. En total, o servizo atende a 35 mulleres en Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, O Carballiño e Silleda, a través dunha intervención individualizada e adaptada ás necesidades de cada participante.

O proxecto inclúe entrevistas individuais e o deseño de itinerarios personalizados orientados á mellora das competencias persoais, sociais e laborais. Ademais, prestarase especial atención ao manexo das novas tecnoloxías, consideradas unha ferramenta esencial para favorecer a autonomía e a empregabilidade. De xeito complementario, organizaranse obradoiros grupais nos que se fomentará o apoio mutuo, a participación social e o intercambio de experiencias, elementos fundamentais para avanzar cara aos obxectivos de inserción laboral.

Este servizo está financiado con cargo aos fondos do 0,7 % do IRPF, procedentes das persoas contribuíntes que marcan o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, coñecido como X Solidaria, e conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia.

0.35697412490845