ACEGA organiza en Santiago este domingo a V Feira de Galicia sen Glute

Contará con 21 postos nos que se darán a coñecer diferentes marcas e produtos aptos para persoas celíacas
bizcoito-pastel-glute
23 May 2026

A Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) organiza a V Feira de Galicia Sen Glute, totalmente apta para persoas celíacas, que se celebrará o domingo 24 de maio no Hotel Oca Puerta del Camino, en Santiago de Compostela, a partir das 11:00 horas.

A V Feira Galicia Sen Glute contará con 21 postos nos que se darán a coñecer diferentes marcas e produtos aptos para persoas celíacas.

A feira contará ademais cunha ampla zona gastronómica onde se ofrecerá un menú degustación para todas as persoas asistentes, con elaboracións realizadas por locais asesorados por ACEGA. Xunto á zona de stands e gastronómica, onde o público poderá desfrutar de produtos 100 % sen glute e dun menú totalmente apto para persoas celíacas, ao longo da xornada desenvolveranse diferentes actividades de animación infantil, sorteos, presentación de libros, actuacións musicais e degustacións.

Este evento, considerado o máis importante do ano en Galicia relacionado coa alimentación sen glute, converteuse xa nun referente para o colectivo celíaco e prevese a asistencia de máis de 800 persoas ao longo do día.

ACEGA organiza esta feira con motivo do Día da Enfermidade Celíaca, que se celebra o 16 de maio, unha data que busca dar visibilidade ás persoas celíacas e continuar avanzando na normalización da súa vida diaria.

Para máis información, poden contactar coa asociación a través do correo electrónico info@celiacosgalicia.es ou nos teléfonos 647 681 162 (Gloria Bernárdez) e 622 154 945 (Nuria Colmenero).

A Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) é unha entidade sen ánimo de lucro, cuxo obxectivo fundamental é axudar a todas as persoas afectadas pola Enfermidade Celíaca e Dermatite Herpetiforme. Agrupa con carácter voluntario a celíacos/as, os seus familiares e a todos aqueles enfermos cuxo tratamento esixa manter unha dieta sen glute, a fin de tratar as solucións máis idóneas aos problemas de tipo social, psicolóxico e técnico que poden presentarse como consecuencia da súa condición.

Conta con máis de 2.000 asociados en toda Galicia. Sábese que arredor do 2% da poboación de Europa é celíaca, pero aínda así, debido ao difícil diagnóstico e ao gran descoñecemento desta patoloxía, o 75% destes están sen diagnosticar. É por iso que dende ACEGA buscan sensibilizar á poboación e ás administracións públicas sobre a problemática que se deriva da enfermidade celíaca e mellorar así a calidade de vida das persoas celíacas favorecendo a súa integración social con distintas actividades e formacións.

Ofrecen varios servizos, tanto aos socios como á sociedade en xeral, sendo algúns deles a información e asesoramento ao celíaco recentemente diagnosticado, a publicación anual dunha Lista de Alimentos e a aplicación móbil, actividades de convivencia e encontros entre asociados, desenvolvemento do programa Restauración En Galicia Sen Glute, actividades de difusión, información e concienciación á poboación xeral e a colectivos de interese, tales como sanitarios ou restauración, entre outros.

0.32514500617981