Acollese en Vigo a décimo quinta edición da Xornada contra a Trata Sexual

A imaxe deste ano alude á mercantilización das vítimas, tratadas coma obxectos, e represéntase a través dun código de barras que traslada unha cifra real
XV-Xornadas-Da-Rede-Galega-Contra-A-Trata
26 Oct 2026

A Rede Galega Contra a Trata Sexual celebrará o vindeiro mércores, 28 de outubro, a XV Xornada da Rede Galega Contra a Trata, baixo o título O prezo do clic. Trata, explotación sexual e prostitución, a súa relación coa pornografía e a mercantilización do corpo. O encontro terá lugar no Hotel Los Galeones de Vigo, en horario de 17.00 a 20.00 horas, e buscará afondar no coñecemento de dous factores que favorecen a trata: o consumo de pornografía e a captación de vítimas a través das redes sociais.

A imaxe escollida para esta edición fai referencia á mercantilización das vítimas, tratadas como obxectos, e represéntao mediante un código de barras que recolle unha cifra real: 1.189 vítimas de trata con fins de explotación sexual foron identificadas en España entre 2021 e 2025, segundo os datos do Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado (CITCO), dependente do Ministerio do Interior.

A programación incluirá unha mesa redonda na que participarán Uxía López Mejuto, da Universidade da Coruña; Andrea García Rodríguez, da Asociación Faraxa; e Daniel Ribeiro, da Asociación Amar Dragoste. Ademais, a actriz e cómica viguesa Arantxa Treus ofrecerá unha intervención en formato de monólogo.

A xornada está aberta a profesionais e axentes implicados directa ou indirectamente na loita contra a trata e a explotación sexual, así como a entidades, institucións e público xeral interesado en coñecer mellor esta problemática. Desde a organización destacan que o encontro pretende ser un espazo de formación e debate construtivo. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse a través da ligazón https://forms.gle/8CBFvWcDEG5f6dWH7, dispoñible tamén nos perfís de Facebook e Instagram da Rede Galega Contra a Trata (@redegalega).

As xornadas celébranse desde hai quince anos co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade e do Ministerio de Igualdade. Cada edición aborda cuestións clave relacionadas coa trata e a explotación sexual, en consonancia co labor da Rede, que coordina as entidades que a integran para atender mulleres vítimas de explotación sexual ou en situación de prostitución.

A Rede Galega Contra a Trata naceu en 2008 co obxectivo de coordinar as organizacións que a compoñen, sensibilizar os axentes sociais sobre a vulneración dos dereitos humanos que supón a trata con fins de explotación sexual e constituír unha plataforma de denuncia e incidencia política na loita contra este delito.

Entre as súas principais liñas de actuación figuran a cooperación entre as entidades integrantes para mellorar a detección, identificación e asistencia ás vítimas; a formación dos profesionais e a divulgación desta problemática; a vixilancia do cumprimento da lexislación vixente para garantir a protección e os dereitos das vítimas; a elaboración de propostas e estratexias político-legais en colaboración coas administracións; e o impulso dun observatorio de vítimas de trata mediante a recollida e documentación de casos.

Na actualidade, a Rede está integrada por 14 entidades con sede en Galicia e ampla experiencia na atención a vítimas de trata e explotación sexual: Fundación Amaranta, en Ourense; Asociación Faraxa, en Vigo; Aliad Ultreia, en Lugo; Médicos do Mundo Galicia; Ecos do Sur, na Coruña; Cáritas Diocesana de Ourense, a través do programa Alumar; ACCEM Galicia; Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela-Oblatas, co programa Vagalume; Oblatas Ferrol, a través de O Mencer; Cáritas Diocesana de Lugo; FIET, en Santiago de Compostela; Cruz Vermella; Diaconía, en Lugo; e Amar Dragoste Galicia.

0.29288005828857