Activo un incendio forestal en Ribas de Sil que afecta á parroquia de Soutordei

O lume leva 90 hectáreas calcinadas e obrigou a declarar a situación 2 durante a noite pola súa proximidade ás vivendas
hidroavion-extincion-incendios-monte-lugo
12 Jul 2026

O incendio forestal declarado na parroquia de Soutordei, no concello lucense de Ribas de Sil, continúa activo desde as 18.22 horas do sábado e afecta, segundo as últimas estimacións, a unha superficie de 90 hectáreas.

A Consellería do Medio Rural informou de que durante a madrugada quedou desactivada a Situación 2, que fora decretada como medida preventiva debido á proximidade do lume ao núcleo de Chenzas.

No operativo de extinción participan, polo de agora, un técnico, 15 axentes, 20 brigadas, 15 motobombas, tres pas, cinco helicópteros e catro avións.

Ademais, permanece activo un incendio no concello coruñés de Laxe, na parroquia de Nande. O lume iniciouse ás 21.55 horas do sábado e afecta provisionalmente a arredor de 100 hectáreas. No dispositivo mobilizáronse de xeito acumulado dous técnicos, 13 axentes, 12 brigadas, 12 motobombas, catro pas e dúas unidades técnicas de apoio.

Tamén segue activo outro incendio no municipio de Vimianzo, na parroquia de Salto. Declarouse ás 20.16 horas do sábado e afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, a unhas 40 hectáreas. Nos traballos de extinción participan sete axentes, 10 brigadas, oito motobombas, unha pa e unha unidade técnica de apoio.

A Consellería do Medio Rural lembra que a cidadanía pode comunicar a detección de incendios forestais chamando ao teléfono gratuíto 085. Tamén está dispoñible a aplicación ALume para informar sobre incendios activos en Galicia.

Ademais, o teléfono gratuíto e anónimo 900 815 085 permite denunciar calquera actividade delituosa relacionada con incendios forestais. A información actualizada sobre os lumes que superan as 20 hectáreas pode consultarse na conta oficial de X @incendios085.

0.36279582977295