Acusan á Xunta de manter sen cubrir 1.148 vacantes de profesorado a un día do inicio do curso

A CIG-Ensino denuncia o atraso nos chamamentos e o incremento das prazas a media xornada, que considera unha mostra da precarización das condicións laborais docentes
profesor-recurso-mestre
9 Sep 2026

A Consellería de Educación mantén sen cubrir 1.148 vacantes de profesorado a apenas un día do inicio do curso escolar. O dato, correspondente ás 13.00 horas deste martes, concentra a maior parte das prazas pendentes nos corpos de Secundaria e nas ensinanzas postobrigatorias, como a Formación Profesional, as escolas oficiais de idiomas, os conservatorios e as ensinanzas artísticas.

Segundo os datos da aplicación da Xunta para xestionar as substitucións, durante a mañá deste martes permanecían sen adxudicar 388 vacantes do corpo de mestres e 649 do corpo de Secundaria, mentres que outras 817 xa foran cubertas, principalmente nos niveis de Infantil e Primaria. Para a CIG-Ensino, esta situación implica que numerosos centros terán que iniciar mañá a actividade lectiva sen dispoñer de todo o persoal necesario.

O sindicato explica que desde finais de agosto os centros foron comunicando as necesidades de profesorado para poder comezar o curso con normalidade. Moitas destas prazas responden a baixas temporais ou permisos, especialmente por maternidade e paternidade, aínda que tamén existen vacantes derivadas de necesidades que, segundo a organización sindical, non foron atendidas pola Administración durante o verán.

A CIG-Ensino asegura que nos últimos días recibiu numerosas queixas de persoal substituto polo atraso dos chamamentos. Estas persoas permanecen pendentes desde o 1 de setembro e, unha vez que reciben unha vacante, dispoñen de apenas 24 horas para incorporarse ao centro. A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, advirte de que nalgúns casos a comunicación prodúcese pola tarde e o profesorado debe comezar a traballar ao día seguinte, sen tempo suficiente para organizar o desprazamento, o aloxamento ou a súa situación familiar.

O sindicato reclama á Consellería que axilice os chamamentos para garantir que o alumnado estea atendido desde o primeiro día e que os equipos directivos poidan organizar con antelación as reunións coas familias, a información ás comunidades educativas e as tarefas administrativas propias do inicio de curso.

Segundo a CIG-Ensino, entre as vacantes que aínda permanecen pendentes figuran incluso titorías de Infantil e Primaria, especialistas para a atención á diversidade e interinidades que, ao seu xuízo, deberían terse adxudicado xa en agosto mediante o Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais.

A organización sindical critica tamén a situación nas ensinanzas postobrigatorias. A estas alturas, a Consellería non tería adxudicado ningunha vacante no corpo de Profesorado Especialista de Sectores Singulares da FP e apenas habería prazas cubertas nos conservatorios, Escolas Oficiais de Idiomas e escolas de artes. A CIG-Ensino considera especialmente contraditorio que a Administración rexeite un inicio escalonado do curso mentres, na súa xestión dos recursos humanos, prioriza unhas etapas educativas sobre outras.

Aumento da precariedade

Outro dos aspectos que preocupa á CIG-Ensino é o incremento das prazas a media xornada, que o sindicato considera un factor de precarización das condicións laborais do persoal substituto. A organización advirte de que os salarios asociados a estas xornadas dificultan facer fronte ao custo da vivenda e dos desprazamentos en Galicia.

Como exemplo, sinala que das 39 vacantes pendentes na especialidade de Matemáticas, dez correspondían a medias xornadas. No caso de Procesos Sanitarios, había dúas prazas a media xornada fronte a unha vacante a tempo completo. O sindicato considera que, con salarios que poden situarse arredor dos 1.000 euros, resulta difícil asumir os gastos de alugueiro e transporte, especialmente para un persoal que pode chegar a encadear sete ou oito substitucións, ou mesmo máis, ao longo do curso e en diferentes puntos de Galicia.

A CIG-Ensino reclama desde hai anos unha negociación específica sobre as condicións laborais do persoal substituto. Entre as súas demandas figuran recuperar o dereito a cobrar o verán, limitar as zonas xeográficas nas que poden ser destinados, facilitar a renuncia temporal por motivos de coidado de fillos e fillas de ata 12 anos e establecer mecanismos que permitan renunciar ás substitucións sen xustificación durante un período determinado.

O sindicato denuncia que estas reivindicacións continúan sen obter resposta por parte da Administración e reclama á Consellería que adopte medidas para reducir a precariedade e garantir unhas condicións máis dignas para o persoal substituto, ao tempo que acelera a cobertura das vacantes para que os centros poidan iniciar o curso con todos os recursos humanos necesarios.

0.43761014938354