ADEGA acusa á Xunta de levar 26 anos adiando a declaración de zonas vulnerables a nitratos

A entidade sinala que a Directiva europea de Nitratos, aprobada en 1991, obriga ás administracións a identificar as masas de auga afectadas pola contaminación agraria
augas-contamidads-purin
22 Jul 2026

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) denunciou que a Xunta continúa sen declarar zonas vulnerables á contaminación por nitratos de orixe agraria, malia as obrigas establecidas pola normativa europea e estatal desde hai máis de dúas décadas. A entidade ecoloxista asegura que o Goberno galego acumula "26 anos de demora" na adopción destas medidas e critica que, mentres tanto, estea a promover proxectos de biogás e biometano que cualifica de "falsa solución" ao problema.

A organización lembra que a comezos deste mes de xullo a Xunta abriu de novo unha consulta pública sobre un proxecto de decreto destinado a reducir a contaminación por nitratos, unha iniciativa que xa fora presentada en 2025 sen chegar a materializarse nunha norma definitiva. Segundo ADEGA, esta situación evidencia unha política continuada de adiamento e falta de actuación fronte a un problema ambiental que considera de especial gravidade.

A entidade sinala que a Directiva europea de Nitratos, aprobada en 1991, obriga ás administracións a identificar as masas de auga afectadas pola contaminación agraria, declarar as correspondentes zonas vulnerables e aplicar programas específicos para reducir o impacto dos nitratos. Posteriormente, o Real Decreto 47/2022 endureceu os requisitos de control e deu ás comunidades autónomas un prazo de tres anos para delimitar estas áreas.

Porén, ADEGA asegura que Galicia segue sen contar oficialmente con ningunha zona vulnerable declarada. A organización lembra que xa no ano 2000 a Xunta concluíra que non existían áreas que requirisen esta consideración, unha posición que, ao seu xuízo, se mantivo malia a existencia de problemas de eutrofización e contaminación detectados en espazos como A Limia, o encoro das Cunchas ou o de Caldas.

Segundo os ecoloxistas, a Comisión Europea chegou a abrir un procedemento sancionador contra España pola presenza de niveis significativos de eutrofización en varios puntos das bacías internas galegas. ADEGA sostén que, a pesar destes avisos, a Administración autonómica continuou sen adoptar medidas efectivas e limitouse a argumentar que estaba "traballando niso".

A organización tamén cuestiona que a Xunta volvese someter a consulta pública este ano un proxecto de decreto semellante ao presentado en 2025, cando daquela xa se identificaban sete posibles zonas vulnerables. Para ADEGA, a decisión responde á intención de "verificar que a contaminación por nitratos débese fundamentalmente a fontes agrarias" e evitar así o custo político de introducir restricións ás explotacións gandeiras intensivas.

No comunicado, a asociación amosa ademais a súa preocupación polo impulso que están a recibir as plantas de biogás e biometano en Galicia. A xuízo de ADEGA, estas instalacións están concibidas principalmente para a produción de enerxía e non para resolver os problemas asociados á xestión dos xurros. A entidade sostén que o proceso de dixestión anaerobia non elimina o nitróxeno nin o fósforo presentes nos residuos gandeiros, polo que considera que estas infraestruturas non solucionan a contaminación das augas por nitratos.

Fronte a esta situación, ADEGA reclama á Xunta que cumpra de inmediato coa normativa europea e proceda á declaración das zonas vulnerables, acompañándoa da posta en marcha de programas específicos de actuación e códigos de boas prácticas agrarias. Tamén pide unha moratoria para novas explotacións gandeiras sen base territorial suficiente para xestionar os seus residuos e demanda unha planificación específica para o sector do biogás, incluíndo a suspensión temporal da autorización de grandes plantas industriais mentres non exista unha regulación autonómica que ordene a súa implantación.

0.34561777114868