ADEGA denuncia a falta de imparcialidade da Xunta nos procesos xudiciais de autorizacións eólicas

ADEGA denuncia que a Xunta de Galicia externalizou de forma masiva a elaboración de informes ambientais destinados aos procedementos xudiciais relacionados coas autorizacións eólicas. Segundo a organización ecoloxista, o Goberno galego adxudicou directamente á empresa Atefor S.L., sen concurso público, un total de 321 contratos menores de servizos por un importe global de 265.534,50 euros.
Nos procesos xudiciais relativos ás autorizacións eólicas, tanto nas pezas separadas de medidas cautelares como nos litixios principais, a Xunta achega na súa defensa informes asinados por persoal funcionario que ocupa postos de libre designación, amparándose na súa presunción de imparcialidade. ADEGA, que é parte demandante en máis de 30 procedementos de impugnación de autorizacións eólicas, sinala tamén que a Administración galega adoita incorporar outros informes periciais elaborados por Atefor S.L. co obxectivo de rebater os informes técnicos presentados polas entidades demandantes.
Os vínculos de Atefor S.L. coa patronal eólica
ADEGA explica que Atefor S.L. é unha empresa domiciliada en Madrid cuxo único socio é Cubas de Don Luis S.L., unha sociedade dedicada ao arrendamento de bens inmobiliarios. A consultora elaborou o documento de inicio ambiental do parque eólico Afrende, de tramitación estatal, proxectado nos concellos da Estrada, Silleda e Forcarei e promovido por Volantis Renovables, propiedade de Tasga Eólica S.L.
O conselleiro delegado desta última empresa é Juan Jesús Berzosa Aránguez, vogal da Asociación Eólica de Galicia. Ademais, o proxecto Afrende comparte infraestruturas de evacuación e punto de conexión con outros parques eólicos, como Outeiro Grande e Monte Festeiros, recorridos por ADEGA ante os tribunais e para os que a Xunta contratou informes periciais a Atefor S.L.
A organización ecoloxista considera que estes datos evidencian que a empresa beneficiaria das adxudicacións directas non só traballou para compañías vinculadas á Asociación Eólica de Galicia, senón que tamén elaborou informes periciais para a Xunta sobre proxectos relacionados con encargos previos da patronal, para os que redactara o documento ambiental de inicio.
Para ADEGA, esta situación volve poñer de manifesto a coincidencia entre os intereses do sector eólico e os da Xunta, que, segundo denuncia, asume como propios os argumentos da patronal. A entidade critica o desprezo pola imparcialidade administrativa e cuestiona que a defensa do Goberno galego nos tribunais se apoie tanto en informes asinados por persoal funcionario de libre designación como en documentos elaborados por unha empresa que tamén presta servizos ao sector eólico.
ADEGA alerta dunha Administración paralela e privatizada
A organización lembra que recentemente se coñeceu que o Executivo galego externalizou noutras dúas consultoras, a UTE SGS Tecnos SAU e Acivro Consultoría de Medioambiente S.L., o seguimento e a avaliación das autorizacións ambientais integradas (AAI) vixentes de proxectos industriais cun importante impacto ambiental sobre o territorio. ADEGA sinala que ambas as empresas tamén traballan para o sector enerxético e a patronal eólica.
A xuízo da entidade, a Xunta está externalizando de maneira deliberada e opaca, e cunha legalidade que considera dubidosa, tarefas de avaliación, seguimento e control ambiental de proxectos industriais. Denuncia que estas contratacións supoñen asumir funcións que deberían corresponder ao persoal funcionario público, que debe actuar con obxectividade e imparcialidade.
Neste sentido, ADEGA lembra a sentenza 00094/2025 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que adquiriu firmeza ao non ser recorrida pola Xunta. A resolución, ditada a raíz dunha demanda presentada pola CIG, anulou varios artigos do Decreto 102/2023, do 15 de xuño, polo que se regulan as entidades de colaboración ambiental.
A organización cualifica de "escandaloso" este modo de proceder do Goberno de Alfonso Rueda, porque considera que, na práctica, está dando lugar a unha Administración privatizada e paralela, allea ao coñecemento da cidadanía e orientada a defender intereses privados en lugar do interese xeral e da protección do medio ambiente.
ADEGA tamén recupera as declaracións da exconselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, realizadas tanto no Parlamento de Galicia como nos medios de comunicación, nas que defendía que "son os técnicos da Xunta os que determinan se os proxectos industriais, como o de Greenfiber (Altri) ou os parques eólicos, son viables ou non ambientalmente". A exresponsable autonómica tamén reclamara que non existisen "inxerencias externas" na avaliación da viabilidade técnica destes proxectos por parte do persoal funcionario.
Para ADEGA, as declaracións contrastan coa política de externalización que denuncia e poñen de manifesto, ao seu xuízo, unha contradición na actuación do Goberno galego. A entidade considera que estas prácticas buscan confundir a cidadanía e influír nos procesos xudiciais abertos, e sostén que evidencian o compromiso do actual Executivo autonómico cos intereses privados e a falta de imparcialidade nas decisións administrativas que afectan ao medio ambiente.