ADEGA denuncia que a restauración tras os incendios de 2025 apenas alcanzou o 0,16 % da superficie queimada

A organización ecoloxista vincula as recentes enxurradas en Valdeorras á falta de actuacións de recuperación nos montes afectados polos grandes lumes do pasado verán
restruturacion-superficie-queimada-incendios-valdeorras
26 Jun 2026

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) denunciou que as medidas de restauración ambiental aplicadas nos montes afectados polos incendios forestais de 2025 apenas chegaron ao 0,16 % da superficie queimada, unha situación que, ao seu xuízo, está detrás das recentes enxurradas rexistradas na comarca de Valdeorras.

Segundo a entidade ecoloxista, dos 118.966 hectáreas queimadas oficialmente o pasado ano en Galicia, menos de 200 foron obxecto de actuacións de recuperación ambiental. ADEGA sostén que esta cifra resulta insuficiente para facer fronte ás consecuencias dos grandes incendios e alerta de que a ausencia de intervencións favorece a erosión do solo e incrementa o risco de danos durante episodios de fortes precipitacións.

A organización considera que as riadas e arrastres de sedimentos producidos recentemente en Valdeorras evidencian os efectos da falta de restauración dos terreos queimados. Explica que, tras un incendio forestal, a desaparición da cuberta vexetal deixa o solo exposto á acción da chuvia e do vento, facilitando a perda de terra fértil e a mobilización de grandes cantidades de sedimentos cara aos vales e aos núcleos habitados.

ADEGA lembra que diferentes estudos científicos estiman que a erosión pode provocar perdas de entre 15 e 170 toneladas de solo por hectárea e ano. Aplicando unha media de 24 toneladas por hectárea, a entidade calcula que os incendios de 2025 poderían ocasionar a perda de preto de 2,85 millóns de toneladas de solo, con consecuencias sobre infraestruturas, propiedades privadas e mesmo sobre a seguridade das persoas.

A asociación tamén cuestiona a distribución dos recursos destinados á loita contra os incendios forestais. Segundo sinala, o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) para 2026 concentra a maior parte do investimento nas tarefas de extinción, mentres que as partidas destinadas á prevención e á formación son considerablemente menores e non contempla dotación específica para a restauración ambiental das zonas afectadas polo lume.

ADEGA lembra que, tras a vaga de incendios de 2025, a máis intensa do século segundo a organización, anunciouse a aplicación de medidas de rexeneración en 200 hectáreas consideradas prioritarias. Porén, asegura que a comezos de 2026 só se actuara de forma efectiva en arredor de 110 hectáreas. Paralelamente, apunta que se aceleraron os traballos de extracción de madeira queimada en miles de hectáreas, unha circunstancia que, segundo advirte, tamén pode contribuír a aumentar os procesos erosivos.

Fronte a esta situación, a entidade destaca as actuacións desenvolvidas polo seu programa de voluntariado ambiental. Entre outubro de 2025 e abril de 2026 mobilizáronse 120 persoas en seis concellos das comarcas de Valdeorras e Deza para realizar labores de control da erosión, freo das escorrentías e restauración de bosques de ribeira. As intervencións abrangueron unhas 120 hectáreas de superficie afectada polos incendios.

Ante a proximidade dunha nova campaña de alto risco de incendios e o impacto crecente da mudanza climática, ADEGA reclama un cambio de enfoque na política forestal. A organización demanda a posta en marcha de plans de recuperación ambiental a longo prazo, dotados con financiamento suficiente, así como medidas urxentes para protexer os solos queimados, restaurar os ecosistemas afectados e minimizar os efectos dos incendios sobre o territorio e a poboación.

0.32409405708313