ADEGA e Amil Sen Eólicos lanzan unha campaña para frear nos tribunais a liña de alta tensión Pico Touriñán-Tivo

A asociación ecoloxista ADEGA e o colectivo Amil Sen Eólicos puxeron en marcha unha nova campaña de micromecenado baixo o lema #TiPodesParalos para financiar a batalla xudicial contra a liña de alta tensión Pico Touriñán-Tivo, unha infraestrutura de máis de 17 quilómetros que atravesaría seis concellos da provincia de Pontevedra. As entidades pretenden reunir un mínimo de 8.100 euros para recorrer o proxecto ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e solicitar a súa paralización cautelar.
A campaña, que comezou este xoves, 15 de outubro, prolongarase durante tres meses e busca impedir a construción dunha instalación promovida por Engie Proyecto Touriñán, Naturgy Renovables e Norvento para evacuar a enerxía de catro parques eólicos: Campo das Rosas, Portovidros, Touriñán III-2 e Acibal.
ADEGA lembra que os tres primeiros parques están paralizados cautelarmente polo TSXG a petición da organización ecoloxista, debido ao risco de provocar danos ambientais irreversibles ou de difícil reparación. No caso de Acibal, a entidade presentou un recurso de casación ante o Tribunal Supremo. Por iso, considera contraditorio tramitar unha infraestrutura destinada a transportar a electricidade xerada por instalacións cuxo futuro continúa pendente de resolución xudicial.
As organizacións advirten, ademais, de que deter a liña de alta tensión podería resultar determinante para frear o desenvolvemento do parque eólico Acibal, cuxos traballos iniciais xa terían ocasionado importantes danos no patrimonio cultural e arqueolóxico da contorna.
O trazado atravesaría os municipios de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Campo Lameiro, Moraña, Portas e Caldas de Reis, e podería afectar directamente o patrimonio vinculado ás bestas de Sabucedo, unha tradición recoñecida como Ben de Interese Cultural.
ADEGA denuncia que o proxecto atravesa áreas de elevado valor ecolóxico sen que, ao seu xuízo, se avaliaran adecuadamente todas as posibles afeccións ambientais. No primeiro tramo do percorrido localízanse numerosos humidais inventariados e hábitats de interese comunitario, entre eles uceiras húmidas atlánticas e turbeiras, algunhas consideradas prioritarias.
A entidade tamén sinala que os estudos ambientais non terían valorado correctamente a presenza de especies vexetais ameazadas, como a Lycopodiella inundata e o lirio de monte (Iris boissieri), ambas catalogadas en perigo de extinción. A estas súmanse outras especies vulnerables que poderían verse afectadas pola execución das obras.
No ámbito da fauna, a organización ecoloxista cuestiona a avaliación da presenza e posible nidificación de aves ameazadas como a tartaraña cincenta, a gatafornela, o millafre real e o sisón. Segundo ADEGA, o estudo de impacto ambiental e a correspondente declaración ambiental tampouco recollen a presenza do voitre negro e do voitre leonado, documentada mediante observacións e referencias da Sociedade Galega de Ornitoloxía.
As entidades alertan igualmente das consecuencias que a infraestrutura podería ter sobre o patrimonio histórico e arqueolóxico dunha zona cunha importante concentración de arte rupestre ao aire libre. Campo Lameiro e os concellos da súa contorna albergan numerosos elementos patrimoniais que poderían resultar afectados polo trazado, entre eles mámoas, castros, petróglifos, torres, camiños tradicionais, igrexas, cruceiros, muíños, lavadoiros, pazos e hórreos, ademais do Camiño Portugués de Santiago.
Entre os puntos que consideran especialmente ameazados figuran os petróglifos de Chan de Carballeda, en Painceiros, e o Coto do Rañadoiro, en Moimenta, ambos en Campo Lameiro, así como a mámoa número 2 da Pallota, en Rebón, no concello de Moraña.
O obxectivo é reunir 8.100 euros en tres meses
A campaña de financiamento colectivo desenvolverase en dúas fases. Na primeira, que rematará o 15 de novembro, ADEGA pretende conseguir 4.000 euros para sufragar a presentación do recurso administrativo de alzada e a elaboración dun informe técnico ambiental.
A segunda fase, cunha duración de dous meses, terá como obxectivo recadar os 4.100 euros restantes para interpoñer o recurso contencioso-administrativo ante o TSXG e solicitar a suspensión cautelar do proxecto.
ADEGA e Amil Sen Eólicos fan un chamamento á veciñanza dos territorios afectados e ao conxunto da cidadanía galega para colaborar economicamente na iniciativa. As entidades defenden unha transición enerxética sustentable e xusta que teña en conta as persoas, a biodiversidade e o territorio, e que non supoña a degradación de espazos naturais nin a destrución do patrimonio cultural.
A campaña #TiPodesParalos, impulsada en 2023, permitiu frear nos tribunais máis dunha trintena de proxectos eólicos, segundo destacan as organizacións promotoras. Agora, ambas as entidades apelan de novo á colaboración cidadá para financiar a vía xudicial contra a liña de alta tensión Pico Touriñán-Tivo e tratar de impedir a súa construción.