ADEGA inaugura en Vilagarcía a exposición "50 anos coidando a terra"

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) inaugurou este martes en Vilagarcía de Arousa a exposición ao aire libre "50 anos coidando a terra", unha mostra itinerante coa que a entidade conmemora medio século de actividade na defensa do medio ambiente galego. A exposición permanecerá instalada no Parque da Xunqueira ata o vindeiro 7 de xullo.
A iniciativa repasa, a través de textos, fotografías e documentos históricos, algunhas das principais mobilizacións ecoloxistas desenvolvidas en Galicia durante os últimos cincuenta anos. Tras percorrer numerosas localidades galegas, a mostra chega agora á capital arousá, unha comarca cunha ampla tradición de defensa ambiental ligada aos ríos Ulla e Umia e á ría de Arousa.
O acto inaugural contou coa participación de representantes institucionais, colectivos sociais e entidades ecoloxistas da comarca. Entre os asistentes atopábanse membros da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, da Coordinadora Encoro Río Umia, da CIG-Salnés e da corporación municipal, entre eles a tenente de alcalde, Tania García, e o concelleiro de Turismo e Xuventude, Álvaro Carou.
Durante a presentación, o secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas, destacou a importancia de manter viva a defensa ambiental nun contexto marcado por novos retos para o territorio. Na súa intervención fixo referencia a proxectos como a planta de celulosa de Altri e a posible reapertura da mina de Touro-O Pino, así como ás históricas reivindicacións relacionadas coa protección dos ríos e da ría de Arousa.
Pola súa banda, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, advertiu sobre os efectos do cambio climático e reclamou unha maior protección dos recursos naturais galegos. Rubido incidiu na necesidade de fortalecer as alianzas entre colectivos e de situar a defensa das augas continentais e mariñas entre as principais prioridades para garantir a conservación do medio ambiente e dos sectores produtivos vinculados ao mar.
Tamén participou no acto Paloma Fernández, en representación da Coordinadora Encoro Río Umia, quen agradeceu o compromiso histórico de ADEGA coa defensa do río e puxo en valor a mobilización social como ferramenta para impulsar cambios e reivindicacións ambientais.
A tenente de alcalde de Vilagarcía, Tania García, agradeceu a elección da cidade como unha das paradas da mostra e reivindicou o papel dos movementos sociais na protección do territorio. Ademais, lembrou diferentes mobilizacións desenvolvidas na comarca en defensa da ría de Arousa e animou a trasladar os valores da ecoloxía e do respecto polo medio natural ás novas xeracións a través da educación.
Ao remate da inauguración, a secretaria executiva de ADEGA, Belén Rodríguez, realizou unha visita guiada polos distintos paneis da exposición, explicando os principais fitos do movemento ecoloxista galego e o contexto das mobilizacións recollidas na mostra.
A exposición está composta por 16 paneis distribuídos en catro tótems cúbicos e inclúe elementos simbólicos que lembran a oposición cidadá aos vertidos nucleares na Fosa Atlántica, unha das mobilizacións ambientais máis relevantes da historia recente de Galicia. A través deste percorrido, ADEGA busca conmemorar os seus 50 anos de traxectoria, promover a educación ambiental e fomentar o compromiso das novas xeracións coa defensa da terra e dun futuro sustentable para Galicia.