ADEGA pide unha declaración ambiental desfavorable para o parque eólico Ferromolín

A asociación alerta das eivas do estudo ambiental dun proxecto de 27 MW previsto entre Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras e Oencia, nunha zona afectada polo gran incendio de agosto de 2025
recurso-eolico-enerxia
23 Oct 2026

ADEGA presentou alegacións ao proxecto do parque eólico Ferromolín, promovido por Promoción Eólica Peninsular V, S.L. e sometido a información pública no BOE o pasado 21 de setembro. A entidade ecoloxista solicita unha declaración de impacto ambiental desfavorable ao considerar que o estudo non avalía adecuadamente os efectos da instalación sobre a biodiversidade, a conectividade ecolóxica, os recursos hídricos e o patrimonio, ademais de infravalorar os riscos asociados aos incendios forestais.

O proxecto contempla seis aeroxeradores titulares, cinco posicións de reserva e unha liña de evacuación soterrada de 14,33 quilómetros. A súa localización nun territorio afectado polo macroincendio de agosto de 2025 é un dos aspectos que máis preocupa á asociación, que denuncia que o estudo ambiental non analiza suficientemente as consecuencias do lume nin a vulnerabilidade actual dos terreos.

ADEGA advirte de que a apertura de pistas e as obras sobre solos sen vexetación poden agravar a erosión e favorecer o arrastre de cinzas e sedimentos cara aos ríos e aos núcleos de poboación próximos. Tamén alerta de que as novas infraestruturas poderían facilitar a propagación dos incendios e dificultar a rexeneración natural do monte. A presenza de aeroxeradores de case 200 metros de altura podería, ademais, complicar a intervención dos medios aéreos de extinción.

A asociación cuestiona tamén a avaliación dos efectos sobre a fauna ameazada, especialmente no caso do lobo e do oso pardo, especies protexidas pola normativa europea. Considera insuficiente que o estudo descarte a presenza do oso baseándose en plans de recuperación de 1990 e 1992, sen analizar axeitadamente a situación actual da especie.

Outro dos puntos de preocupación é a posible afección á única parella reprodutora de aguia real da provincia de Lugo, xa que a poligonal do parque se atopa dentro da súa área de campeo. ADEGA sinala tamén deficiencias na análise dos morcegos, ao non realizar as mostraxes acústicas en altura antes da autorización do proxecto, como recomendan as directrices técnicas especializadas.

A entidade denuncia igualmente que o estudo non avalía as consecuencias da instalación sobre a Infraestrutura Verde de Galicia. Segundo a cartografía oficial da Xunta, cinco dos seis aeroxeradores previstos estarían situados no Corredor Terrestre e o sexto no seu límite norte, unha circunstancia que, segundo ADEGA, require unha análise rigorosa dos efectos sobre a conectividade ecolóxica e de posibles alternativas para reducir o impacto.

A asociación advirte, ademais, de que o proxecto podería afectar os montes veciñais, a xestión forestal, os soutos de castiñeiros, a gandería extensiva e a actividade turística, aproveitamentos que considera fundamentais para a economía e a vida das comunidades rurais.

Por estes motivos, ADEGA reclama que se denegue a autorización do parque eólico Ferromolín e se emita unha declaración de impacto ambiental desfavorable. A entidade defende que o desenvolvemento de novas infraestruturas enerxéticas non debe comprometer a biodiversidade, o patrimonio nin os usos tradicionais do monte, especialmente nun territorio que aínda afronta as consecuencias dun dos grandes incendios forestais dos últimos anos.

0.28365588188171