Adif investirá 3,5 millóns para eliminar catro pasos a nivel en Sarria, dous deles no Camiño de Santiago

As actuacións mellorarán a seguridade ferroviaria e peonil con novos pasos inferiores, pasarelas e accesos alternativos en diferentes puntos do municipio
Paso-a-nivel-tren-adif
18 May 2026

Adif vén de adxudicar por preto de 3,5 millóns de euros as obras destinadas á supresión de catro pasos a nivel no municipio de Sarria, dous deles situados en pleno percorrido do Camiño de Santiago. A actuación foi contratada á empresa Extraco Construcciones e Proxectos SA despois dun proceso ao que concorreron seis ofertas.

Os traballos afectarán distintos puntos da liña ferroviaria Palencia-A Coruña e teñen como principal obxectivo reforzar a seguridade tanto do tráfico ferroviario como das persoas peóns e condutoras que utilizan estes cruces habitualmente. O prazo previsto para a execución das obras será de doce meses.

Un dos pasos máis significativos atópase á saída do núcleo urbano de Sarria, tras a Ponte da Áspera, no punto quilométrico 395,420. Por esta zona discorre unha variante da ruta xacobea en dirección a Maside. Neste emprazamento construirase unha pasarela peonil metálica de 2,3 metros de ancho, equipada con ramplas accesibles para facilitar o paso de persoas con mobilidade reducida e garantir unha circulación máis segura para os peregrinos e viandantes.

Outra das intervencións vinculadas ao Camiño de Santiago desenvolverase no punto quilométrico 394,849, no trazado principal cara a Barbadelo. Neste caso, o actual paso a nivel será substituído por un paso inferior de 21,6 metros de lonxitude e oito metros de ancho. A infraestrutura contará cunha beirarrúa de tres metros, unha calzada para vehículos de catro metros e unha cuneta lateral.

As actuacións completaranse con dúas intervencións adicionais nas parroquias de Barbadelo e Albán. No punto quilométrico 393,993 eliminarase o cruce existente e habilitarase un paso superior situado a uns 265 metros ao sur. Ademais, acondicionarase un camiño xa existente no lado leste da vía e crearase unha nova pista paralela no lado oeste para manter a conexión entre ambas marxes.

No caso de Albán, no punto quilométrico 393,072, a actuación busca garantir o acceso ás parcelas agrarias da zona unha vez pechado o paso actual. Para iso, executarase un novo camiño de máis de 330 metros de lonxitude que permitirá manter a comunicación coas leiras afectadas.

Con estas actuacións, Adif continúa avanzando no seu plan de eliminación de pasos a nivel en distintos puntos da rede ferroviaria co obxectivo de incrementar a seguridade e mellorar a integración das infraestruturas ferroviarias nos núcleos urbanos e rurais.

0.34130692481995