Adrián Ben e Alice Finot lideran o cartel do Cross Ponte Romana de Lugo

O atletismo volverá ter unha cita destacada en Lugo coa novena edición do Optimilk PRO Cross Ponte Romana 9.0, que se celebrará os días 31 de outubro e 1 de novembro no parque do Pazo de Feiras e Congresos. A proba combinará competición de elite, carreiras de menores, relevos mixtos e participación popular durante unha fin de semana dirixida a corredores de todas as idades.
Adrián Ben, de Viveiro, e Alice Finot, de Francia, encabezan, polo momento, a participación confirmada. O atleta de Viveiro, campión de Europa de 800 metros en pista cuberta en 2023 e quinto nos Xogos Olímpicos de Toquio, será un dos principais atractivos da competición. Finot, pola súa banda, chega avalada polo título europeo de 3.000 metros obstáculos conseguido en Roma en 2024 e o cuarto posto nos Xogos Olímpicos de París, onde asinou un tempo de 8:58.67.
Entre os nomes que aspiran a darlle emoción á proba masculina destaca David de Fuente, que atravesa unha etapa de progresión e buscará plantar cara aos favoritos. A lista de participantes inclúe tamén a Andrea Romero, Víctor Ruiz, Mario Palencia, Sandra González, Óscar Gaitán e Emma Méndez.
O futuro do atletismo galego terá tamén o seu espazo coa participación de Xoel Franco, Quique García, Sabela Castelo, Sabela Martínez e as irmás Paniagua. A presenza destas novas promesas permitirá compartir competición con deportistas de traxectoria internacional.
A organización continúa traballando para incorporar novos nomes, polo que o cartel aínda non está pechado. As inscricións permanecerán abertas ata o 27 de outubro, cun cambio de tarifa previsto para o día 26.
Relevos, carreiras infantís e cross popular
A programación comezará o sábado 31 de outubro ás 17.00 horas cos relevos mixtos das categorías sub-16, sub-14, sub-12 e sub-10.
O domingo 1 de novembro, as carreiras individuais de menores arrancarán ás 10.00 horas e finalizarán coa proba de cativos, prevista para as 12.00 horas.
Ás 12.05 horas disputarase o Cross Popular Jesús Bernal, cun percorrido de 4.320 metros, aberto a corredores populares. A competición de elite chegará despois, coa carreira feminina de 5.000 metros ás 12.30 horas e a masculina, tamén de 5.000 metros, ás 13.00 horas.