Adrián Méndez: “Tocar na Horta do Seminario e na Praza de Santa María foi un soño cumprido”

Falamos con Adrián Méndez, musicólogo, membro de De Ninghures, escritor do libro ‘O violín que trae o vento’ e parte da equipa audiovisual de ‘360 Curvas’
Adrián-Méndez-De-Ninghures
13 May 2026

Jessica Fernández

Como nace a súa devoción pola cultura?

Esta paixón pola cultura nace vinculada aos meus pais, sobre todo ao meu pai, porque é un apaixonado das músicas tradicionais. Eu, dende pequeno, sempre escoitei figuras como Florencio e os Gaiteiros da Fonsagrada. As miñas avoas eran bailadoras, e así funme nutrindo de todo iso que me chegaba, directa ou indirectamente, de toda esta xente: do meu pai, dos veciños, da miña avoa e de todo o que me rodeaba. Sen querer, ía absorbendo esa cultura, e anos despois puiden afondar un pouco máis na nosa tradición e estudar musicoloxía, o que me dá un punto de apoio para poder levar a cabo outras iniciativas.

Cales son as orixes de De Ninghures?

Eu nese momento estaba estudando a carreira e, nun principio, eramos máis de sete. O grupo nace na zona da Fonsagrada, con rapaces de Bergantiños, da área de Compostela e da propia Fonsagrada. Xurdiu como un grupo de cantos de taberna e comezamos así. Co tempo, fóronnos saíndo actuacións, concertos ‘de matar tigres’ nos que, aínda que fose pouco, gañabamos algo, e para nós todo o que chegaba xa era moito. Durante a pandemia xurdiu a posibilidade de gravar un disco. Eu aínda estaba en Oviedo e facía viaxes a Compostela e a Friol, onde gravamos o primeiro disco. Sen pretensións de chegar aos escenarios, o proxecto de De Ninghures foi medrando case sen querer, ata o día de hoxe. Fomos mellorando, cometendo erros, aprendendo de todo e coñecendo xente, e todo iso desembocou no segundo disco, que é o que nos trouxo ata o momento actual. Cada vez chegamos a máis público e nunca pensamos acadar este punto, porque isto naceu de tocar nos bares, de xuntarnos e pasalo ben como un grupo de amigos. Aínda así, estamos moi orgullosos, e chegar ata aquí demostra que algo estamos facendo ben. Seguimos cometendo erros, como calquera proxecto en evolución, pero tamén aprendemos deles. E estamos moi satisfeitos de poder levar a música galega a lugares como o País Vasco ou Madrid. Además, hai pouco recibimos o Premio da Música Independiente (MIN) ao mellor disco en galego, o que tamén nos encheu de ilusión.

Hai pouco escribiu un libro, ademais, ‘O violín que trae o vento’, por que?

Non me considero un escritor. Este libro xorde dunha investigación que fixen sobre unha violinista esquecida na Fonsagrada, Modesta Fernández. A partir desa investigación, e tamén grazas á miña formación en musicoloxía e ao interese por seguir afondando, funme achegando a este tema, que require precisamente iso: vontade de investigar e de indagar. Todo iso acabou desembocando nun libro no que tamén me acompañan moitas violinistas amigas, como Xulia Feixóo, Begoña Riobó, Antía Ameixeiras, Aldara Palmeiro, Marina Carpente, Carmen Gallego ou María Jorge. Son compañeiras que se sumaron a este proxecto, que tamén entendían como necesario dar visibilidade e voz á figura de Modesta. Grazas a todas elas, este traballo puido saír adiante. Ao principio xerábame certa inseguridade, porque estaba a entrar nun terreo alleo para min, tanto no ámbito do violín como na reconstrución da vida dunha muller. Pero ao contar con todas estas amigas e músicas, todo foi posible. Incluso realizamos unha gravación discográfica con elas. Despois, cada presentación é diferente e única, porque en cada unha delas quero que me acompañe unha violinista distinta, para que estas músicas sigan vivas e para que Modesta estea presente en cada actuación. Estou moi orgulloso de que todas elas apoien tanto este proxecto.

Que é para vostede A Fonsagrada?

Para min, A Fonsagrada é todo. Todos os proxectos que fago teñen unha vinculación coa Fonsagrada, sen dúbida, porque A Fonsagrada ten algo especial, ten unha historia moi potente. A parte escrita está ligada a Fonsagrada a través desa muller, Modesta. O proxecto de Ninghures tamén ten moitas pezas de montaña, da Fonsagrada, cunha melodía especial que nace de aí. E despois está a parte audiovisual, no documental ‘360 Curvas’, onde contamos esa historia que aconteceu no 92 e que case ninguén coñecía fóra da Fonsagrada. O que contamos recolle vivencias de persoas que estiveron vinculadas a aquelas “Movidas”, moitas delas de fóra da vila, e que gardan sempre moito cariño pola Fonsagrada. Quero dicir, moita xente que viña de fóra marchaba emocionada, mesmo chorando. Nunca escoitei a ninguén falar mal da Fonsagrada; ao contrario, todo o mundo conserva un moi bo recordo. Incluso persoas como Mercedes Peón ou Xabier Díaz, referentes no mundo da música tradicional, falan marabillas da xente da Fonsagrada. Eu, persoalmente, penso que, aínda que algúns da Fonsagrada esteamos fóra, seguimos dentro. Todos os proxectos que se desenvolven alí, como a Foliada da Fonsagrada, buscan manter ese vínculo emocional coa terra, e iso fai que teñan éxito. Tamén creo que a xente da Fonsagrada é moi da Fonsagrada, porque os nosos pais e nais sempre nos transmitiron ese amor pola terra, ese apego ao lugar. E iso creo que nos pasa a todos os que nos rodean, aos meus compañeiros e compañeiras da Fonsagrada. O que fomos, somos.

E Lugo, porque vive aquí.

Lugo é o meu segundo fogar. Ademais, culturalmente Lugo mellorou moitísimo nos últimos anos, algo que para alguén coma min que bebe de todo o ámbito cultural é marabilloso. Todos os días da semana hai algo que facer en Lugo, algo que antes non pasaba. E dende o meu ámbito, eu presentei o libro en Lugo, coa posibilidade de facelo na Capela de Santa María e co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. E con respecto ao documental, falamos da Fonsagrada pero tamén de Lugo, porque moitos viñeron vivir aquí, sobre todo á Piringalla e a Fontiñas, e con el gañamos un Mestre Mateo, en Lugo, grazas tamén a que desde Lugo se impulsou un grande esforzo para traer estes premios aquí. Con respecto a De Ninghures, a nosa segunda actuación foi na Praza Horta do Seminario no San Froilán de 2022 como teloneiros dun gran grupo e o ano pasado actuamos na Praza Santa María, que non ten nada que envexar á Praza Quintana de Santiago de Compostela e para nós foi un soño cumprido.

Cales son os proxectos de futuro?

No apartado audiovisual, queremos seguir presentando o documental ‘360 Curvas’ en festivais, xa que gañou o Premio Mestre Mateo ao mellor documental, que tamén permitiu alongar a vida da historia e lle deu un impulso importante; que ademais se merecía a xente da Fonsagrada. A idea é que se coñeza fóra, porque aínda non é moi coñecido, pero dentro do país vai seguir o seu percorrido. Imos acudir tamén a institutos para dar a coñecer o documental, cunha proxección-coloquio, unha actividade subvencionada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. E, no apartado musical, De Ninghures continuará xirando por todos os pobos de Galicia. Temos moitos concertos programados e a verdade é que o verán pinta moi ben. Ademais, seguiremos sacando música nova; como o tema novo que acabamos de lanzar, 'Que se nos faga de día', e no que A Fonsagrada tamén está presente.

0.35138201713562