Adxudicado por máis de 2,1 millóns de euros o subministro de implantes de columna para os hospitais de Ourense, Verín e O Barco

O contrato, repartido en 19 lotes, contempla a compra de máis de 7.700 unidades entre conectores, barras e mallas destinadas a intervencións cirúrxicas de columna na área sanitaria ourensá
CHUO_hospital_Ourense
Imaxe de arquivo
19 Oct 2026

O Servizo Galego de Saúde formalizou, a través do Portal de Contratos Públicos, a adxudicación do subministro sucesivo de implantes de columna para a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. A operación ascende a 2.115.697 euros.

O contrato dividiuse en 19 lotes, que recaeron en tres empresas: Medtronic Ibérica S.A., Orto-Arins S.l.U. e Prim S.A. No seu conxunto, o expediente contempla a compra de máis de 7.700 unidades de material, entre conectores, barras, mallas e parafusos, destinados a placas cervicais, espazadores intersomáticos e sistemas de implantes para tratar deformidades, fracturas en adultos e patoloxías dexenerativas de columna, entre outros elementos.

En canto á súa duración, o contrato establécese inicialmente por un período de dous anos, aínda que inclúe a posibilidade de ampliarse ata 24 meses adicionais.

Este material empregarase en operacións cirúrxicas destinadas a corrixir alteracións estruturais da columna mediante implantes artificiais, cuxa función é substituír as zonas danadas e reducir a dor que sofre o paciente.

As doenzas de costas, e en particular as relacionadas coa columna vertebral, son cada vez máis frecuentes entre a poboación, motivadas polo envellecemento, os accidentes, os sobreesforzos e as malas posturas mantidas no día a día.

A cirurxía de columna ten como finalidade descomprimir e mobilizar os elementos afectados, ademais de fixar ou substituír estruturas vertebrais. O seu enfoque varía en función da patoloxía que presente cada paciente, buscando sempre recuperar a estabilidade ou corrixir a aliñación das vértebras, xa sexa por causas dexenerativas, postcirúrxicas, conxénitas ou traumáticas.

0.47904300689697