AGA celebra en As Pontes os seus 20 anos de historia cunha homenaxe ao turismo en autocaravana

A Asociación Galega de Autocaravanas (AGA) celebrou esta fin de semana en As Pontes o seu vixésimo aniversario, dous decenios de traxectoria nos que a entidade promoveu esta forma de viaxar e descubrir Galicia. O encontro reuniu socios e representantes do sector nunha xornada de celebración, recoñecementos e convivencia para poñer en valor o camiño percorrido desde a súa fundación, en 2006.
AGA, unha entidade sen ánimo de lucro que conta actualmente con 800 socios, naceu en outubro de 2006 en Burela, a partir dun grupo de amigos que compartían o interese polas viaxes en autocaravana. A asociación destacou durante o aniversario a historia e o compromiso das persoas que contribuíron ao seu desenvolvemento, así como a evolución dunha modalidade turística que experimentou un importante crecemento nos últimos anos.
A celebración contou coa presenza do director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; do alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e da concelleira de Turismo, Elena López. Durante o acto tamén se entregaron recoñecementos e se homenaxeou a Faustino Guiance del Castillo e a Julio Martín Sertal, que cumpren 20 anos na entidade.
O venres celebrouse a recepción dos autocaravanistas. Na xornada do sábado, 175 vehículos e 335 persoas participaron na celebración, que incluíu unha comida de confraternidade no patio de Santa María, un baile e unha queimada pola noite. Para a xornada do domingo estaba previsto un concurso de chourizos e unha visita guiada.
A presidenta de AGA, María del Mar García Pena, subliñou o valor emocional da efeméride e a importancia de recoñecer as persoas que fixeron posible a historia da asociación. "Hoxe é un día moi especial para a nosa asociación, non celebramos simplemente que pasaron 20 anos, celebramos 20 anos de historia, de compromiso, de loita e ilusión", sinalou. Tamén lembrou que a entidade foi fundada por un grupo de autocaravanistas que se reuniron para a inauguración dunha área de autocaravanas e que a primeira directiva se constituíu en 2008.
Pola súa banda, Xosé Manuel Merelles destacou o papel do turismo en autocaravana na diversificación da oferta galega e na distribución dos visitantes por todo o territorio. O director de Turismo definiu a Xunta como unha «administración amiga» do sector e puxo en valor as medidas de apoio, entre elas a creación de áreas para autocaravanas. Segundo indicou, Galicia conta con 200 áreas deste tipo e traballa cos concellos para ampliar e mellorar as infraestruturas, especialmente nos municipios rurais. Tamén destacou que esta modalidade turística contribúe á actividade económica de establecementos hostaleiros, mercados, adegas e negocios locais.
Merelles lembrou que Galicia foi pioneira na regulación deste turismo coa aprobación, en 2019, dun decreto de campamentos que incorporou unha categoría específica para instalacións exclusivas de autocaravanas. Ademais, referiuse á liña de axudas de tres millóns de euros destinada a concellos de menos de 10.000 habitantes para mellorar a rede de áreas de acollida e servizo.
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, incidiu na importancia do turismo para un municipio tradicionalmente vinculado á actividade industrial e expresou o seu apoio ao turismo de autocaravanas como unha oportunidade de "imaxe, esperanza, economía". A concelleira de Turismo, Elena López, pola súa parte, salientou o reto de ordenar e favorecer espazos para esta modalidade, como a área que está pendente de creación no lago.
No acto tamén se puxeron de relevo os datos turísticos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, que recollen un incremento en setembro do 5,7 % no número de viaxeiros e do 7 % nas noites en hoteis e pensións de Galicia. No que vai de ano, a comunidade rexistrou 5,7 millóns de visitantes, que realizaron máis de 1,2 millóns de noites e xeraron uns ingresos no sector de 394,5 millóns de euros, un 7,4 % máis que nos nove primeiros meses de 2025.