Agolada reúne preto de 300 persoas nunha xornada de convivencia e homenaxe ao movemento veciñal

A iniciativa incluíu actividades de aprendizaxe, exercicio, música e lecer no CEIP Plurilingüe da localidade
agolada-+Convivir-da-Deputación-de-Pontevedra
4 Oct 2026

A Deputación de Pontevedra organizou en Agolada unha xornada de convivencia e homenaxe ao movemento veciñal da localidade no marco do programa +Convivir 2026. A actividade reuniu preto de 300 persoas no CEIP Plurilingüe de Agolada e contou coa participación do deputado provincial Ricardo Martínez.

Durante a xornada, Ricardo Martínez destacou que esta proposta forma parte da terceira edición de +Convivir, unha iniciativa que está a percorrer diferentes municipios da provincia co obxectivo de fomentar os encontros e reforzar os vínculos entre as persoas e o tecido asociativo.

O deputado explicou que o programa busca "poñer en valor a importancia de xuntarnos, de tecer lazos e xerar espazos de encontro para impulsar o avance desta provincia extraordinaria". Neste sentido, definiu a actividade celebrada en Agolada como "unha tarde única de convivencia, aprendizaxe e diversión".

Martínez aproveitou tamén para agradecer o compromiso e a participación do movemento veciñal na dinamización da vida social e cultural do municipio. Segundo sinalou, esta iniciativa encaixa na liña de recuperación do contacto co tecido asociativo da provincia a través de programas como Provincia Comunitaria, +Aqua ou +Novaqua.

A proposta combinou actividades de carácter lúdico con diferentes accións formativas. Entre elas desenvolveuse unha charla sobre o alzhéimer impartida por AFAPO, así como unha sesión sobre primeiros auxilios a cargo de Manuel Viso. As persoas asistentes tamén puideron participar nunha actividade de ximnasia de mantemento.

A programación completouse cunha sesión musical a cargo dun DJ e cun refrixerio para as persoas participantes, nunha xornada pensada para favorecer a convivencia e o encontro entre o movemento veciñal.

A terceira edición do programa +Convivir comezou este mes de setembro en Cangas de Morrazo e, posteriormente, pasou por Poio, As Neves, Marín e Agolada. A iniciativa continuará durante 2026 en Cuntis, Rodeiro, Ponteareas, A Estrada, Meaño, Vilaboa, Salvaterra de Miño e Valga.

Nas dúas primeiras edicións do programa, promovido pola Deputación de Pontevedra para poñer en valor o compromiso do Goberno provincial co tecido asociativo e veciñal e destacar o papel que desempeña no avance da provincia, participaron máis de 10.000 persoas.

0.31155514717102