Agromuralla celebra este luns en Betanzos o Día Mundial do Leite

Coincidindo coa feira quincenal, a asociación de gandeiros e gandeiras colocará un stand no que repartirá información e agasallará con leite e queixo a todas as persoas que se acheguen
VASO-DE-LEITE
31 May 2026

A asociación Agromuralla, formada por máis de 400 gandeiros e gandeiras de toda Galicia, conmemorará este sábado 1 de xuño o Día Mundial do Leite cun acto informativo en Betanzos no que os cidadáns poderán descubrir que hai detrás dun vaso de leite.

Con este obxectivo, coincidindo coa feira quincenal que se celebra na localidade, durante toda a mañá membros da asociación colocarán un stand informativo na Praza Irmáns García Naveiras, que poderá visitarse desde ás 10 da mañá até a 1 da tarde, e onde as persoas que se acheguen terán a posibilidade de sentirse "gandeiros por un día" muxindo unha vaca e levando para a súa casa unha botella de leite.

"Queremos achegar o noso traballo ao consumidor e concienciar ao público máis urbano dos beneficios para a saúde e a alimentación da poboación, pero tamén do valor social e ambiental que aporta o sector agrogandeiro para o mantemento da poboación e a paisaxe das zonas rurais", explica Noelia Rodríguez, presidenta de Agromuralla.

As 5.000 ganderías de produción de leite que quedan en Galicia supoñen o verdadeiro sustento e motor económico e social das zonas rurais, como principal actividade económica, fonte de xeración de riqueza e de postos de traballo e clave para a fixación de poboación no medio rural.

"Onde hai un gandeiro, hai vida", destaca Agromuralla, que lamenta que non se recoñeza a labor esencial como produtores de alimentos, os beneficios que o leite ten para a saúde e o aporte dos agricultores e gandeiros ao medio ambiente e a prevención de incendios.

Pero ademais da parte reivindicativa, para concienciar da importancia da actividade agrogandeira desde o punto de vista económico, social e medioambiental, o acto con motivo do Día Mundial do Leite terá unha compoñente lúdica e festiva, na que as persoas que se acheguen poderán facerse unha foto muxindo unha vaca, probar o queixo elaborado a partir de leite recén muxido e levar para a casa unha botella de leite fresco.

Tres lácteos ao día

Como cada 1 de xuño, este luns celébrase o Día Mundial do Leite, unha efeméride establecida no ano 2001 pola FAO para destacar a importancia do leite como alimento fundamental para a humanidade e recoñeder o traballo dos gandeiros que o producen.

Desde o punto de vista nutricional, o leite constitúe un dos piares fundamentais da alimentación humana, especialmente necesario durante a infancia e a adolescencia e durante a vellez, recomendándose o consumo de cando menos tres lácteos ao día. Aportan calcio, vitaminas e minerais e ten efectos positivos para a saúde a nivel cardiovascular e antitumoral.

Do mesmo xeito, a nivel social e económico, as 5.000 explotacións leiteiras que quedan na actualidade en Galicia manteñen vivo o rural, creando riqueza e emprego e mantendo coidado o territorio e o medio ambiente nas comarcas do interior de Galicia.

Para destacar o papel dos produtos lácteos na alimentación, na mesa informativa instalada por Agromuralla o consumidor poderá recibir información sobre as características nutricionais do leite, (fonte de calcio, vitaminas e minerais e un dos produtos máis completos na dieta humana) así como os seus beneficios para a saúde a nivel óseo e cardiovascular ou mesmo para previr varios tipos de cancro.

Agromuralla quere desmontar bulos e "fake news" que proliferan na actualidade, xa que, aseguran, "a inmensa maioría das mensaxes que circulan sobre os supostos perigos asociados ao consumo de lácteos son erróneas, ao igual que as que defenden que as bebidas vexetais poden ser sustitutivas do leite, algo que non é certo".

Do mesmo xeito, os produtores e produtoras de leite buscan concienciar ao consumidor dos beneficios de introducir lácteos na dieta e da labor positiva sobre o territorio, o medio ambiente e a fixación de poboación no mundo rural que exercen as explotacións agrogandeiras.

0.38439297676086