Albarellos acollerá o 3 de outubro a V Festa da Vendima de Monterrei

A Alameda de Albarellos será o escenario, o vindeiro sábado 3 de outubro, da V Festa da Vendima de Monterrei, unha xornada dedicada á tradición vitivinícola, á gastronomía e á cultura popular da comarca.
As actividades comezarán ás 12.00 horas coa saída desde a finca A Cortiña dos carros tradicionais tirados por bois do país e cargados de vendima. O percorrido chegará ata a Alameda de Albarellos acompañado de música, cantos e bailes tradicionais a cargo da Banda de Gaitas de Flariz, os Trouleiros de Medeiros, O Trebón do Mildeu de Albarellos e a Escola Provincial de Danza-Castro Floxo da Deputación de Ourense. Tamén participará nesta edición a Asociación Cultural e Etnográfica La Arracada, procedente de Zamora.
Ás 12.30 horas terá lugar a recreación do pisado tradicional da uva. Os vendimos serán descargados no lagar instalado na Alameda, onde os vendimadores recuperarán este antigo método de elaboración.
A continuación abrirá as portas a Feira Gastronómica, que reunirá produtos agroalimentarios do territorio amparados por distintas certificacións. Os viños da D.O. Monterrei terán un protagonismo especial, acompañados por propostas de Artesanía Alimentaria de Galicia, entre elas os produtos apícolas de Sovoral, as elaboracións de castaña de Sofragal, os aceites de Ouro de Quiroga, os licores artesanais de O Aguardenteiro, as Conservas do Támega, as meles con I.X.P. de Sabía Mágica e os queixos de Cumbres de Trevinca. O mercado incluirá tamén obradoiros de Artesanía de Galicia.
A partir das 14.00 horas celebrarase o Xantar Popular, inspirado nas reunións gastronómicas que tradicionalmente acompañaban os traballos da vendima. O menú contará con produtos da comarca como porco asado, polbo, xamón ao corte, empanadas, pan, bicas e viños da D.O. Monterrei.
Durante o xantar haberá unha foliada aberta con participación de grupos folclóricos e, ás 15.00 horas, actuará o grupo de música tradicional A Roda.
A entrada ao Xantar Popular terá un prezo de 5 euros e incluirá un bocata de porco ao espeto, unha ración de empanada, unha mochila e unha copa para a degustación dos viños da D.O. Monterrei. As entradas poderán adquirirse o propio día da festa ou previamente na Oficina de Turismo de Monterrei, no Concello de Monterrei e nos establecementos hostaleiros de Albarellos.
A programación continuará pola tarde con Los Támega Charanga, a partir das 18.00 horas, e a Orquesta Triunfo, desde as 20.00 horas. A xornada festiva concluirá coa DiscoMóvil A Gramola, a partir da medianoite.