Alfonso Lago destaca a cooperación entre España e Portugal no tramo internacional do río Miño

Tui
O subdelegado reivindica o Miño como un espazo de encontro, convivencia e desenvolvemento compartido entre ámbolos dous países
limite-rio-mino-transfronteirizo
26 Nov 2026

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Alfonso Lago Ferreiro, participou esta mañá no acto de sinatura da Acta de Recoñecemento da Liña de Fronteira no Tramo Internacional do Río Miño, celebrado na Catedral de Tui, xunto con representantes da Armada Española e da Marinha Portuguesa e autoridades de ambas as marxes do río.

Alfonso Lago destacou o valor institucional e simbólico deste encontro anual, que contribúe a reforzar as relacións de cooperación entre España e Portugal. “O Miño, lonxe de ser unha barreira entre dous países, é un espazo de encontro entre territorios irmáns que comparten historia, cultura, vínculos sociais e oportunidades de futuro”, sinalou.

O subdelegado puxo en valor o traballo que desenvolven as institucións de ambos os países para fortalecer a cooperación transfronteiriza e mellorar a calidade de vida da cidadanía. “A colaboración entre España e Portugal ten no Miño un dos seus mellores exemplos, grazas ao compromiso das administracións e das localidades de ambas as marxes do río”, engadiu.

Ao acto asistiron tamén o embaixador de Portugal para asuntos de fronteira, Carlos Amaro, e o embaixador español, Eduardo Sánchez Moreno. O alcalde de Tui e os demais alcaldes, alcaldesas e presidentes das cámaras municipais da raia presentes no acto asinaron a acta.

Este recoñecemento anual, que ten por obxecto examinar a parte fluvial da fronteira, dá cumprimento ao recollido no artigo 15 do Tratado de Lisboa de 1864, no que se define a fronteira entre España e Portugal.

O tramo internacional do río Miño abrangue os municipios da Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra de Miño, As Neves e Arbo, na marxe española, e Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença e Monção, na portuguesa.

Comandancia Naval do Miño

A Comandancia Naval do Miño, pertencente ao Ministerio de Defensa, é a institución encargada de velar polo cumprimento dos tratados internacionais subscritos entre España e Portugal relativos ao tramo internacional do río Miño.

O comandante naval de Tui copreside, xunto co capitán do Porto de Caminha, a Comisión Permanente Internacional do Río Miño, máximo órgano de decisión sobre as propostas relativas ás condicións deste tramo fluvial.

1.2135770320892