Alfredo León Mañú e Irene Huéscar asinan os carteis do San Froilán e do San Froilán Miúdo 2026

O Concello de Lugo xa conta cos carteis que poñerán imaxe ao San Froilán e ao San Froilán Miúdo 2026. O xurado encargado de valorar as propostas presentadas ao concurso seleccionou como gañadoras as obras de Alfredo León Mañú, na categoría do San Froilán, e de Irene Huéscar Villapún, no caso do San Froilán Miúdo.
Os dous deseños serán empregados para acompañar a difusión das festas patronais, que se desenvolverán en Lugo do 4 ao 12 de outubro. O concurso buscaba seleccionar propostas capaces de representar e poñer en valor tanto a cidade como as súas celebracións máis emblemáticas.
Á hora de escoller as obras, o xurado tivo en conta diferentes criterios recollidos nas bases da convocatoria, entre eles a composición e o deseño estético, a orixinalidade, a creatividade e a calidade técnica das propostas.
O concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, felicitou as persoas gañadoras e agradeceu a participación de todas aquelas que concorreron ao certame. "O San Froilán é unha festa de todos os lucenses e queremos que tamén o sexa a súa imaxe", afirmou.
Vázquez destacou tamén o carácter aberto do concurso e defendeu que calquera persoa que cumpra os requisitos establecidos nas bases poida presentar o seu deseño e competir en igualdade de condicións. "As festas non son patrimonio de ningún partido nin de ningún goberno, son de Lugo e dos lucenses", asegurou.

Un xurado vinculado ás artes e á cultura
A selección dos carteis correu a cargo dun xurado integrado por persoas con experiencia e coñecementos nos ámbitos das artes plásticas, a ilustración, o deseño gráfico e a cultura.
Entre os seus membros estivo Lomarti, Juan José López Martínez, artista multidisciplinar cunha traxectoria ligada á escultura, a pintura, a fotografía e o deseño gráfico e considerado un referente da creación artística galega.
Tamén participou Lucila Yáñez Anlló, historiadora da arte e investigadora vinculada ao Museo Provincial de Lugo, cuxo traballo está relacionado co estudo e divulgación do patrimonio e da creación artística.
O xurado contou igualmente con Xoán Guerreiro Vázquez, dedicado á ilustración e á creación gráfica, con traballos que inclúen ilustracións de obras literarias e deseño de portadas discográficas. Foi finalista do concurso de ilustración de libros de contos de Espasa-Calpe, gañador do primeiro premio de pintura LugoNova e seleccionado en tres edicións da Mostra Unión Fenosa.
Completou o xurado Gonzalo Sánchez Folgueira, Zalo, artista plástico e profesor da Escola de Artes Aplicadas de Lugo. A súa carreira artística foi recollida nunha exposición e nun catálogo monográfico no Museo Provincial de Lugo.
Segundo o Concello, a composición do xurado buscou garantir unha valoración independente e imparcial das propostas, contando con persoas con experiencia acreditada no ámbito da creación artística.
"Imaxinario festivo", o cartel do San Froilán
A obra gañadora do concurso do San Froilán 2026 leva por título "Imaxinario festivo" e aposta por unha composición simétrica e minimalista na que se reúnen diferentes símbolos asociados ás festas.
O polbo, as tesoiras, o aceite, a música, a pandeireta e o carrusel aparecen integrados nunha mesma linguaxe gráfica. O autor emprega unha paleta reducida de cores e unha composición pensada para facilitar unha identificación rápida e sinxela cos diferentes elementos do San Froilán.
Alfredo León Mañú acumula máis de 25 anos de experiencia profesional no deseño gráfico e participou en numerosos concursos e proxectos de creación gráfica. Ao longo da súa carreira conseguiu máis de 180 premios en diferentes certames, entre eles o cartel do San Froilán de 2022.
"O polbo da feira", a proposta do San Froilán Miúdo
No apartado destinado ao San Froilán Miúdo, o xurado escolleu entre as dez propostas presentadas a obra "O polbo da feira", realizada por Irene Huéscar Villapún.
A gañadora é unha estudante lucense de 1º da ESO e alumna de trompeta. Forma parte da Banda Filarmónica e de Claustro Música e conta con formación autodidacta no ámbito das artes plásticas.
A súa proposta coloca o polbo no centro da composición e converte este elemento tan característico das festas noutra das iconas máis recoñecibles do San Froilán: as atraccións do feiral. O resultado será a imaxe encargada de acompañar a promoción das actividades dirixidas ao público infantil e xuvenil durante o San Froilán Miúdo 2026.