Allariz celebrará do 21 ao 23 de agosto unha nova edición da Festa da Empanada con gastronomía, cultura e deporte

A programación inclúe espectáculos, concertos, o Triátlon, a Regata de Piragüismo e a tradicional degustación de empanada, ademais de actividades para todas as idades
presentacion-festa-da-empanada-de-allariz
5 Aug 2026

Allariz ultima os preparativos para a celebración da Festa da Empanada 2026, que terá lugar do 21 ao 23 de agosto cunha ampla programación que combinará gastronomía, cultura e deporte. A alcaldesa, Cristina Cid, presentou este mércores a programación xunto aos concelleiros Alberto Conde e Carlos Puga nos Xardíns do Portovello.

Durante a presentación, a rexedora destacou a importancia desta cita para o municipio, tanto polo seu impacto económico e turístico como pola promoción da tradición gastronómica local. Pola súa banda, o concelleiro de Cultura deu a coñecer os detalles da programación cultural, mentres que o responsable de Deportes puxo en valor unhas competicións que, segundo sinalou, xa son unha referencia dentro do calendario deportivo galego.

A programación arrancará o venres 21 de agosto co Campionato de Billarda Infantil, que se disputará ás 11.00 horas no Campo da Barreira. Pola tarde, a Alameda acollerá ás 20.00 horas o espectáculo de teatro de rúa Sherezade, Aladino e os Tres Beduínos, da compañía Ghazafelhos. A xornada rematará cun concerto da Banda Unión Musical de Allariz, que interpretará un repertorio de bandas sonoras a partir das 22.30 horas na Alameda.

O sábado 22 estará marcado polo deporte e a gastronomía. Ás 18.00 horas disputarase a trixésimo cuarta edición do Triátlon de Allariz, con saída na Alameda. Xa pola noite, os Xardíns do Museo do Coiro acollerán desde as 21.00 horas a tradicional Xornada Gastronómica, na que o público poderá degustar a empanada elaborada polos establecementos locais.

A música tamén terá un papel destacado durante a noite do sábado, coa actuación dos grupos Soul & Roll e Los Camachuelos a partir das 21.30 horas, seguida dunha sesión musical con DJ Varo Alonso desde a medianoite.

A última xornada da festa, o domingo 23 de agosto, comezará ás 11.00 horas co pasarrúas da Banda Unión Musical de Allariz e coa celebración da XXXV Regata de Piragüismo, correspondente á Copa Deputación, no embarcadoiro da Alameda.

O Campo de Vilanova concentrará boa parte da actividade festiva do domingo coa tradicional Festa Campestre, na que haberá churrasco, polbo e entrada libre. O programa incluirá tamén o desfile de Xigantes e Cabezudos acompañado polo grupo De Pé Feito, previsto para as 12.00 horas, seguido do concerto da Banda Unión Musical ás 13.00 horas e da actuación de Lorelia ás 19.30 horas.

No apartado deportivo celebrarase tamén un partido amigable entre o C.D. Allariz e o A.D.F. Molgas, previsto para as 18.00 horas no Seixo. A clausura da Festa da Empanada chegará ás 21.00 horas nos Xardíns do Museo do Coiro cun baile popular amenizado pola Orquestra Compostela.

Durante toda a fin de semana, a empanada será a gran protagonista da celebración, podendo adquirirse de maneira continuada nos establecementos de hostalaría, panadarías e pastelarías de Allariz.

0.43807601928711