Allariz prepárase para a Festa do Boi 2026 que se celebrará do 30 de maio e o 7 de xuño

A Asociación Cultural Xan de Arzúa, coa colaboración do Concello, prepara un programa con máis de medio centenar de actividades
presentacion-festa-do-boi-allariz-2026
25 Mar 2026

Allariz comeza a conta atrás para a celebración da Festa do Boi 2026, que se desenvolverá entre o 30 de maio e o 7 de xuño. A programación oficial, presentada hoxe pola Asociación Cultural Xan de Arzúa e o Concello de Allariz, inclúe 54 actividades repartidas ao longo de nove días e pon especial énfase na memoria de Paco, figura clave na recuperación desta tradición en 1983.

Segundo explicou Juan Seara, membro da asociación, este ano o cartel, obra da alaricana Jeni Domínguez, rende unha homenaxe directa a Paco: "É un recoñecemento necesario a unha persoa que dedicou a súa vida a que este legado cultural se mantivera vivo e vibrante para as novas xeracións".

Unha das novidades desta edición será a maior presenza da festa nos núcleos rurais. “Este ano trasladamos a esencia da festa a Roimelo e Paicordeiro con xantares populares e música. Queremos poñer en valor o noso rural e a forma de vida que nos define, reivindicando as nosas raíces e o contacto directo coa terra que sempre nos caracterizou”, destacou Seara.

O programa manterá elementos tradicionais como o Domingo Medieval, que cada ano reúne a máis de 800 participantes, as actividades infantís e unha completa oferta de concertos e verbenas pensadas para toda a veciñanza.

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, subliñou que esta celebración segue sendo “o motor da identidade alaricana”. “Nestes máis de 700 anos de historia hai fitos que marcan un antes e un despois. O ano 83 foi un deles, e este 2026 será outro por ser o primeiro ano sen Paco. El personificaba o orgullo de ser de Allariz”, salientou a rexedora, que fixo fincapé na adaptación da festa ás novas xeracións. “Temos unha poboación nova e moi activa, o que impulsou unha programación con máis espazos para a infancia e a mocidade, pero sen perder nunca esa convivencia en comunidade que nos fai únicas”.

A rexedora agradeceu, ademais, “o compromiso altruísta de todas as persoas que traballan desinteresadamente: este é un esforzo colectivo que se desenvolve durante todo o ano grazas á implicación voluntaria da xente de Allariz. A Festa do Boi é a nosa gran catarse colectiva”.

PROGRAMA COMPLETO DA FESTA DO BOI 2026

0.34709906578064