Alumnado das catro provincias debateu no Parlamento de Galicia as súas propostas sobre convivencia e tecnoloxía

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou na xornada Deputados por un día promovida pola ONG Aldeas Infantiles
deputados-por-un-dia-parlamento-galicia
9 Jun 2026

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañado do presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, e do director da ONG Aldeas Infantiles, Pedro Puig, participou esta mañá na xornada Deputados por un día, na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade.

Os catro alumnos representantes dos colexios, un por cada provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Nesta ocasión, participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia.

O director xeral agradeceu o traballo realizado polos portavoces dos colexios Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño (Vila de Cruces), que presentaron e debateron as súas propostas para facer da sociedade un lugar mellor onde medrar.

Ao respecto, Jacobo Rey felicitou tanto a Aldeas Infantiles como aos centros educativos polo seu interese por trasladar aos máis novos valores como o diálogo e o consenso e animou aos nenos e adolescentes a participar en iniciativas que fomenten a súa participación na sociedade.

0.3403000831604