Alumnado de Harvard traballa en propostas de vivenda pública sustentable para Santiago

Estudantes de posgrao da Harvard Extension School analizan técnicas de construción industrializada en madeira e presentarán as súas propostas ao Concello e a FINSA
vivendas-harvard
8 Oct 2026

Alumnado de posgrao en Sustentabilidade da Harvard Extension School participou a pasada semana en varias actividades de campo en Santiago de Compostela co obxectivo de desenvolver propostas para incorporar técnicas eficientes e sustentables a proxectos de vivenda pública. O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, acompañou o grupo e explicou as políticas que está a impulsar o Goberno municipal, así como as necesidades da cidade en materia de vivenda.

As actividades centráronse no coñecemento de diferentes aspectos relacionados co urbanismo sustentable. Os proxectos que desenvolverá o alumnado estudarán a aplicación de técnicas de construción industrializada en madeira da empresa FINSA á promoción de vivenda pública en Santiago. Ademais, o grupo mantivo un encontro de traballo no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), onde coñeceu diferentes proxectos contemporáneos de vivenda colectiva da man dos equipos de arquitectura Abalo Alonso, Carbajo Barrios, RVR, Villacé e Cominges.

O programa está dirixido a profesionais que buscan especializarse en disciplinas concretas, está coordinado polo Instituto de Investigación Urbana de Barcelona (IDRA) e baséase no estudo de casos reais. Durante os próximos tres meses, o alumnado continuará traballando nas súas propostas, que serán recompiladas nun informe que poderá ser tido en conta polo Concello de Santiago e FINSA.

Por outra banda, Iago Lestegás representará Santiago de Compostela no Encontro sobre cidades históricas habitables que se celebrará este xoves e venres en Pamplona-Iruña, xunto con representantes desta cidade, Girona e Vitoria-Gasteiz. O encontro pretende poñer en común experiencias e propostas para afrontar un reto compartido: preservar o patrimonio dos centros históricos e, ao mesmo tempo, garantir barrios habitables, accesibles, activos e socialmente diversos.

Lestegás participará este xoves, ás 10.30 horas, na mesa institucional titulada “Como manter habitables os centros históricos no século XXI?”, xunto cos responsables municipais de Pamplona-Iruña, Girona e Vitoria-Gasteiz. Nela presentará a experiencia de Santiago en ámbitos como o uso das ferramentas urbanísticas para protexer o comercio de proximidade e o dereito á vivenda, así como as actuacións municipais de rehabilitación e rexeneración urbana.

O venres, ás 10.00 horas, intervirá na mesa “Vivir no Centro: vivenda asequible, permanencia e relevo xeneracional”, centrada nas estratexias e instrumentos para aumentar a oferta de vivenda a prezos accesibles nos centros históricos, favorecer a permanencia da poboación residente e facilitar o relevo xeracional.

Xa ás 12.00 horas, participará na mesa “Activar sen expulsar: comercio, actividade económica e equilibrio de usos”, na que se abordarán fórmulas para impulsar actividades económicas compatibles coa vida cotiá e coa sustentabilidade das cidades históricas. Tamén se analizarán medidas para evitar o desprazamento da veciñanza da súa vivenda habitual e reforzar o comercio de proximidade.

O encontro busca, así, compartir ideas e experiencias entre as catro cidades participantes para facer fronte aos principais desafíos dos centros históricos no século XXI, con especial atención á habitabilidade e á calidade de vida.

0.22056913375854