Amancio Prada actuará na igrexa de Bonaval cun concerto dedicado a Rosalía de Castro

A Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres –integrada polo Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e o Arcebispado compostelán– promove a celebración dun concerto de Amancio Prada na igrexa de San Domingos de Bonaval dedicado a Rosalía de Castro. Será o vindeiro luns, 13 de xullo, ás 20 horas. Será gratuíto, pero cómpre retirar o convite (dous por persoa) no enderezo dixital (abaixo indicado), que se abrirá mañá mércores-8 ás 12 horas ata completar aforo.
O artista, que manifestou a súa “extraordinaria” emoción por cantarlle á poeta de Galicia a carón do seu sepulcro, destaca a “longa” vinculación coa súa obra: “Levo cantando a Rosalía desde que era un mozo, os seus versos xa formaron parte do meu primeiro disco Vida e morte (1974). E agora, no quincuaxésimo aniversario do álbum Rosalía de Castro (1975), non vou dar un concerto en Bonaval, vou depositar un ramo de cancións sobre a tumba de quen as inspirou. Rosalía segue iluminando a poesía de Galicia e de todos nós. Desde a primeira vez que entrei nese lugar, soñei con poder cantarlle alí”.
Hai máis de cincuenta anos, Prada iniciou unha viaxe musical e vital pola obra da poeta do Sar que se enraizou na memoria colectiva; polo que pode afirmarse que o seu canto foi medrando en madurando nun diálogo íntimo coa palabra de Rosalía. O recital propón un percorrido por ese camiño: das cancións primeiras, de pureza espida, ás novas relecturas cheas de experiencia e sabedoría, segundo explica o artista, cuxa voz resoa como un eco de longo camiñar.
Máis que un aniversario, “trátase dunha cerimonia de gratitude”, engade. É unha ocasión única para volver a escoitar un repertorio fundamental da nosa cultura e comprobar como a música e a poesía seguen a tecer pontes de emoción e memoria compartida.