Amelia Pérez, de CCOO, asume a presidencia do CSIr Galicia-Norte de Portugal

É a primeira muller en liderar o Consello Sindical Interrexional
amelia-perez-galicia-norte-de-portugal-ccoo
7 May 2026

A secretaria xeral de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, converteuse este xoves na primeira muller en presidir o Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal (CSIr G-NP), despois de suceder o representante da UGT Portugal, César Alberto Campos. A remuda formalizouse nunha xuntanza celebrada no Museo do Mar de Vigo, durante a que Amelia Pérez incidiu en que a competencia lexítima aos dous lados da raia «non pode basearse en quen ofrece salarios máis baixos e condicións máis laxas, senón que debe nacer da cualificación, da innovación e do traballo decente».

No acto interviñeron, ademais da presidenta entrante e do presidente saínte, os representantes dos outros dous sindicatos do CSIr: Cristóbal Medeiros, de UGT Galicia, e Joaquin Daniel Rodrigues, de CGTP-IN. Do eido institucional, participaron o conselleiro de Emprego, José González; o subdirector de Acción Exterior e Cooperación Transfronteriza, Xosé Lago; e a terceira tenenta de alcalde do Concello de Vigo, Elena Espinosa.

A presidenta do CSIr G-NP para o bienio 2026-2027, que recoñeceu o traballo do seu antecesor, lembrou que é a primeira muller en acceder a este cargo pero aclarou que, lonxe de ser un «triunfo individual», trátase do reflexo «dunha clase obreira que mudou e que entende que a xustiza social será feminista ou non será». Neste senso, profundou en que a chegada das mulleres aos postos de responsabilidade implica unha mudanza nas prioridades: «Traemos a axenda dos coidados, do combate contra a precariedade —que ten rostro de muller—. Vimos dicir que a igualdade real é o eixe vertebrador dunha economía saudable».

Amelia Pérez aludiu a unha realidade «incontestable»: «O capital é global e, polo tanto, a nosa resposta non poder ser local». As fronteiras, reflexionou, son liñas nun mapa, pero para os mercados «son só peaxes», polo que a obriga das organizacións sindicais é que esas liñas «deixen de ser obstáculos para os dereitos das persoas traballadoras». Nese senso, incidiu en que a fronteira non pode ser «unha escusa para a precariedade» e tamén lles reclamou ás Administracións a simplificación da maraña burocrática, fiscal e de protección social a ambos os lados da raia.

Tamén tivo palabras a secretaria xeral de CCOO de Galicia para enxalzar o papel do sindicalismo de clase como «último baluarte fronte ás pulsións autoritarias e mercantilistas que percorren o mundo». «Diante de quen quere erguer muros para dividirnos pola nosa nacionalidade, nós levantamos a bandeira da solidariedade internacionalista», remarcou.

Amelia Pérez fixou como prioridades para a súa presidencia que o Consello Sindical Interrexional sexa a voz para esixir que a mocidade non teña que emigrar, para que a transición enerxética e dixital non deixe a ninguén atrás e para que Galicia e o Norte de Portugal sexan un referente económico e social. «Partillamos unha historia de loita e un futuro que debemos construír xuntos. Como muller e como sindicalista de clase, asumo este reto co compromiso de que a nosa voz se escoite con forza, porque a nosa unión é a mellor ferramenta fronte á globalización do capital», rematou.

Pola súa banda, o presidente saínte, o secretario xeral de UGT Braga, César Alberto Campos, salientou o traballo realizado durante estes dous últimos anos en prol das persoas traballadoras transfronteirizas, para as que se conseguiron varias melloras. Salientou a énfase posta nas relacións institucionais, que considerou como moi importantes neste ámbito. A súa principal «mágoa», recoñeceu, foi non lograr a aprobación dun Estatuto do Traballador Transfronteirizo e chamou a seguir traballando para lles facer ver aos gobernantes que é un instrumento «fundamental» para mellorar a vida destas persoas.

Tomaron tamén a palabra o secretario xeral de UGT Galicia, Cristóbal Medeiros, e o representante de CGTP-IN, Joaquin Daniel Rodrigues, que coincidiron en salientar a importancia deste espazo de traballo para coñecer e paliar as difíciles condicións ás que, con frecuencia, se ven sometidas persoas traballadoras transfronteirizas en materias como a fiscal ou da Seguridade Social.

0.38916397094727