Ana Miranda demanda en Europa medidas para paliar a "situación crítica" do marisqueo

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia no Pleno de Estrasburgo do Parlamento Europeo os graves problemas estruturais e conxunturais que afronta dende comezos de ano o sector marisqueiro en Galiza, que vive unha situación crítica que demanda medidas e solucións ante a pasividade da Xunta de Galiza.
As abundantes choivas a comezos de ano provocaron grandes arrastres de area e bivalvos nas rías galegas e baixaron a salinidade das augas provocando, en consecuencia, un aumento da mortalidade do marisco. Durante o verán as altas temperaturas na auga do mar, que reduciron o afloramento e, polo tanto, o marisco, agravaron aínda máis a situación do sector
“A miña intervencións no Parlamento Europeo denunciou a invisibilidade que ten o sector pesqueiro e marisqueiros nestes momentos, abandoado polo Goberno do Partido Popular. Tanto o sector a pé como a flote sofre rendas baixísimas e en moitos casos sen cobrar dende hai meses”.
O sector marisqueiro de Galiza sofre tamén problemas estruturais como son os peches continuados dos bancos. No último ano tamén se perderon o 17% das licencias para mariscar. As axudas europeas e do Estado tardan en chegar aos centos de mulleres e homes que traballan no sector. O colectivo Mulleres Salgadas trasladoulle a Ana Miranda, que “no caso das mulleres houbo unha perda de moitos permisos de explotación”, explica a eurodeputada do BNG, “o que provocou unha caída do 18% nas vendas de marisco nas lonxas”.
A actual situación do sector lembra ao fatídico 2023 cando os temporais provocaron que no seguinte exercicio as ventas de peixe e marisco nas lonxas caesen en 24.000 toneladas, a facturación descendese un 7,5%, 30 millóns menos, e se perdesen preto de 220 empregos.
A eurodeputada do Bloque traslada ás institucións europeas varias medidas de urxencia coas que garantir a viabilidade do sector, deseñadas conxuntamente e en colaboración cos centros de investigación e as universidades galegas. O BNG defende un estudo sobre as causas da baixa produtividade, un protocolo de baleirado e limpeza dos encoros para reducir a salinidade das rías, segundo as necesidades do sector e non a axenda das grandes eléctricas para se enriquecer xogando co prezo da electricidade.
Ana Miranda solicita tamén dar prioridade ao sector na distribución do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e da Acuicultura, o FEMPA, porque “a situación de urxencia exixe medidas a nivel galego e europeo para a viabilidade do sector en momentos de baixa produtividade. Por suposto demandamos que nos vindeiros orzamentos europeos haxa partidas específicas para paliar as consecuencias que están sufrindo tantas mariscadoras e mariscadores”.
Por último, entre as medidas recollidas pola eurodeputada do BNG no seu encontro co sector marisqueiro tamén está a creación dun seguro colectivo para o mar, semellante ao agrícola, que cubra as perdas causadas polos temporais.