Ana Miranda leva ao Parlamento Europeo as medidas do BNG para paliar a crise de vivenda

A eurodeputada Ana Miranda presentou no Parlamento Europeo as medidas que o BNG propón fronte á crise habitacional que vive Galiza, cun parque de vivenda pública moi inferior aos mínimos existentes no resto dos Estados europeos.
Como explica, fronte a territorios como Países Baixos, Dinamarca ou Austria, onde o parque de vivenda social adicada ao alugueiro supera o 20% do total, ou entre o 10% e o 19% que representa en Irlanda, Francia ou Finlandia, en Galiza este tipo de inmobles só supoñen o 0,35% do total. Ana Miranda pon como exemplos estes Estados da Unión Europea para “exixir que a Xunta merque a vivenda protexida que está a venda e que lance un plan de compra masiva da vivenda baleira”.
En Galiza, a Sareb conta cun parque de 1.700 vivendas que poderían adicarse aos alugueiros para familias con baixos recursos. E a Xunta de Galiza non chegou nin a 100 vivendas sociais entregadas das 1.800 prometidas polo presidente Alfonso Rueda.
“Os galegos e as galegas deben saber os datos reais do desgoberno do PP e non as mentiras que o Sr. Rueda di en A Toxa. Porque non atenden unha crise de vivenda que destrúe os proxectos das familias e impide os soños de emancipación e de vida da mocidade. A vivenda non é un negocio, a vivenda é un dereito”, sinalada a eurodeputada Ana Miranda.
Zonas tensionadas fronte a alugueiros desorbitados
Engade que no concello de Santiago de Compostela, onde goberna o Bloque, xa está en marcha a zona tensionada para o control dos prezos dos alugamentos. A eurodeputada Ana Miranda argumenta que esa medida está validada no recente Plan de Vivenda Accesible da Comisión Europea e funcionaría como unha solución que aplicar en tódolos concellos cos prezos descontrolados.
“As zonas tensionadas permitiría restrinxir os alugamentos vacacionais e de corta duración e as autoridades locais poderían impedir a grandes propietarios mercar novas vivendas nesas zonas”, sinala a representante do BNG.
Ana Miranda tamén lembra outros exemplos europeos como medidas de urxencia que aplicar ante a crise de vivenda. Estados como Alemaña, Suecia ou Dinamarca contemplan contratos indefinidos para os alugueiros, en Países Baixos ou Francia existen límites segundo as zonas ou localidades e Bélxica, sede das institucións da Unión Europea, aplica impostos distintos para a primeira e a segunda vivenda.
“Hai que aplicar xa en Galiza medidas contra a especulación inmobiliaria porque no noso país a idade media de emancipación está nos 30,3 anos, catro puntos máis que en Europa”, conclúe a eurodeputada do BNG.