Ana Miranda reúnese con organizacións en contra dos proxectos mineiros

A eurodeputada do BNG defende que Galiza precisa investimentos de cohesión, no rural, no medio ambiente e industria limpa
reunion-colectivos-mineiros
13 May 2026

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliñou hoxe que diante da reactivación de proxectos de materias primas e de minería que quere fomentar a UE, “Galiza non pode ser un territorio de sacrificio, como pretende o goberno galego do Partido Popular, para avanzar nunha carreira militarista”, senón que precisa investimentos, como os fondos de cohesión, no rural, no medio ambiente e para o impulso de industria limpa.

Neste sentido, a eurodeputada do Bloque critica que o goberno galego quere activar a convocatoria de novos dereitos mineiros, voltar explotar as minas de Corcoesto, de Touro e de San Fins, “proxectos que estaban xa descartados, e que tiveron unha contestación social enorme”. Así, denuncia que manteñan este obxectivo sen ter en conta a protección medioambiental nin a contestación social que tiveron estes proxectos.

“É por iso que, dende o BNG no Parlamento Europeo, reunímonos hoxe cunha serie de organizacións de Galiza e tamén do resto do Estado, contra os proxectos estractivistas como estes, como de Touro, Corcoesto, San Fins, e outros tantos, como tamén os das materias primas críticas, como a mina de Doade, e outras minas que pretenden activar”, explica a eurodeputada galega.

Segundo sinalou Ana Miranda, “parécenos que Galiza non pode ser un territorio no que veñan a quitarnos os nosos recursos, e, sobre todo, sen ter en conta o impacto social, o impacto económico e produtivo”. Precisamente neste ámbito Miranda xa presentou diversas iniciativas nas institucións europea e visitou en reiteradas ocasións as minas afectadas.

Salvagardas medioambientais e sociais

En concreto, tras a selección por parte da Comisión Europea da mina ourensán de Doade como proxecto estratéxico para impulsar as materias críticas na UE, neste caso de litio, a eurodeputada do BNG, remitiu hai meses unha carta ao Vicepresidente Executivo da Comisión Europea para a Prosperidade e Estratexia Industrial, Stéphane Séjourné, na que destacaba a importancia de que “os nosos recursos estean baixo a estrita tutela de autoridades públicas competentes, suxeitas a un control democrático e transparente con salvagardas medioambientais e sociais”.

De feito, xa en 2023 Ana Miranda presentou emendas no informe da Comisión de Política Rexional da Lei de Materias Primas (Regulación Europea 2023/0079), das que 43 foron incluídas no texto final. Estas emendas buscaban fundamentalmente garantir a protección medioambiental e do patrimonio cultural e histórico, así como a protección de aspectos relacionados coa produción de alimentos.

0.31290793418884