Ana Ortiz cifra en 78 millóns os investimentos que a Xunta ten bloqueados polo Concello de Vigo

A delegada da Xunta en Vigo alerta de cinco grandes proxectos paralizados por decisión municipal
ana-ortiz-delegada-xunta-en-vigo
30 Sep 2026

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, fixo balance este mércores dos investimentos do Goberno galego na cidade e cifrou os bloqueos do Concello de Vigo en proxectos por valor de 78 millóns de euros. Durante a súa comparecencia ás portas dos vellos xulgados da rúa Lalín, a representante autonómica valorou a resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emendando a actuación municipal no proxecto do Centro de Asociacionismo.

“Este caso é o exemplo máis evidente da política de destrución do alcalde que desde hai moitos anos causa graves prexuízos á nosa cidade e aos vigueses”, sinalou. Ana Ortiz explicou que a sentenza, contra a que aínda cabe recurso ante o Tribunal Supremo, deixa claro que o Concello non tiña motivos para suspender a licencia da obra, que xa estaba adxudicada.

No mesmo sentido, afirmou que “os danos xa están causados e son irreparables”, coa perda dun investimento de 20 millóns de euros, e engadiu que “os vigueses teñen dereito a coñecer a verdade e aquí non hai opinións, son feitos, o alcalde bloqueou a recuperación deste edificio nunha actuación lamentable que indica a súa forma de proceder”.

A delegada relatou que, ademais do proxecto do Centro de Asociacionismo, continúan paralizados, entre outros investimentos, os do túnel de Elduayen (17,8M€), a ETEA (10,5M€ dos vieiros + 15M€ da residencia), as pistas de atletismo de Balaídos (7M€) ou o Centro Interxeneracional da estación de autobuses da Avenida de Madrid (6,5M€).

“O peor de todo é que os bloqueos van en aumento, lonxe de resolverse con acordos, como os pactados co presidente hai dous anos, e pasamos dos 50 millóns en 2023 a 78 agora mesmo”, indicou.

Fronte a paralización, destacou os proxectos que a Xunta de Galicia logrou sacar adiante pese aos atrancos, como os 240 millóns que xa se están investindo en Navia para vivenda, o IES Domingo Villar (18M€), o CIS Olimpia Valencia (17M€), o Teatro Fraga (10,5M€), o vieiro Vigo-Ramallosa (5,5M€), a Gota de Leite (2M€), o CEIP Vicente Risco (1,4M€) ou o CIFP Valentín Paz Andrade (1,4M€).

0.33877491950989